Cabecera

Acontecimentos

 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Ensaio con Manolo en Vigo (14/7/05)

Non é que teña tanta importancia un ensaio como para calificalo de "acontecimento", é que ésta é a sección que máis se podía axustar ó contido deste pequeno traballo sobre un ensaio en Vigo. A cousa é que onte fun a Vigo e aproveitei para ensaiar unhas pezas con Manuel Alonso. Manolo e máis eu vémonos con certa frecuencia pero casi sempre nas xuntanzas de gaiteiros varias que se producen ó longo do ano, sen que teñamos ocasión de ensaiar ou lembrar pezas que temos tocado hai xa anos, cando faciamos actuacións.

Manolo e máis eu coñecímonos no ano 83, cando eu traballaba no taller de percusión dos Alegres de Pontevedra. Pouco despois xuntounos para tocar Xosé Manuel Fernández, de Muxicas, nunha taberna da rúa Real de Vigo. Conectamos moi ben e comezamos a tocar xuntos. Compartiamos unha mesma preocupación pola elaboración das melodías, na busca da sonoridade tradicional co aporte persoal das posibilidades que ibamos descubrindo nos respectivos instrumentos. Na miña evolución coa gaita tivo un papel moi importante a participación de Manolo polo que eu lle debo moito. A nivel persoal podo dicir que houbo sempre un apoio mutuo incondicional, cousa que non é menos importante.

Seguramente algúns xa saberán quen é Manuel Alonso "O Peluqueiro". Para os que non direi que é un tamboriteiro moi coñecido de Vigo. Leva tocando na percusión dende neno, cando acompañaba ó seu irmán Enrique. Naceu e se criou no lugar e parroquia San Pedro (Vigo) na familia que levaba o alcume de "Os Salueiros". Ésto quere dicir que viviu un ambiente gaiteiro moi rico, con veciños e familiares moi coñecidos, que teñen un lugar na historia da música tradicional de Vigo, como Moxenas, O Coxo de San Pedro, o seu irmán Enrique Alonso, O "Pan de Millo", etc. Gracias a el puden entrar en contacto con moitos deses persoaxes gaiteiros de San Pedro e outras parroquias de Vigo.

Unha vez que decidimos permanecer xuntos, Manolo trouxo a Tonio "Piotes" para que tocara o bombo e adoptámo-lo nome de "Tronada" por iniciativa de Manolo. A continuación viñeron as actuacións e a ampliación a cuarteto, os concursos, etc. Co tempo as nosas actividades fóronos separando algo pero sen perder nunca o contacto nin a ocasión de botar unhas pezas xuntos.

O traballo de Manolo coa percusión leva anos deixando unha impronta grande en Vigo e o conxunto de Galicia, debido á sonoridade que acada co tambor e á súa maneira de interpreta-los diferentes xéneros. A concepción que ten da percusión fai que o bombo e o tambor traballen coma un só instrumento, o que resulta difícil cando as pezas están cheas de personalismos. O final do redoble leva seu golpe do bombo, os contracantos van perfectamente conxuntados, igual que os cortes, os inicios, os finais.

A percura dunha sonoridade rica en graves foille levando a pegar no parche superior do tambor un círculo de fieltro ou badana que lle da un toque personal moi interesante e que, por certo, ten unha boa aceptación por parte de outros tamboriteiros que, igualmente, preparan o tambor dese xeito.

Na actualidade Manolo toca no conxunto vigués "Noitarega" e acompaña a gaiteiros como Henrique Otero e a min mesmo, cando teño calquera compromiso. Co bombo acompáñao con frecuencia o seu fillo, chamado tamén Manuel Alonso, que ten a carreira de piano e traballa de mestre de escola, tamén na especialidade de música. Manuel Alonso fillo comezou toca-la gaita o ano pasado e demostra unhas cualidades moi boas polo que tal vez, en breve, destaque como gaiteiro.

Das pezas que tocamos onte poño estas quince que ilustran moi ben os nosos ensaios e o noso repertorio. Acompaña a información das fontes das que tomamos cada peza. Os arquivos de audio están reducidos para que sexan descargados con facilidade procurando que non perdan demasiado respecto do orixinal.

Alborada de Rosalía de Castro (Avelino Cachafeiro de "Os gaiteiros de Soutelo")
Corazón, corazón (Clemente Díaz de Vilouxín, Negueira de Muñiz, Lugo)
Jota valseada (Xusto Puga de "Os Enxebres de Arbo")
Jota lucense (Emilio Fernández de Vilares, Ribeira de Piquín, Lugo)
Jota da Mahía (Emilio Corral, A Coruña)
Jota del Tío Frejón (Tío Frejón de Retortillo, Salamanca)
Jota vella ("Froito novo" de Melide, A Coruña)
Jota do Vilarón (Emilio Fernández de Vilares, Ribeira de Piquín, Lugo)
Muiñeira de Biouteiro (composición Juanjo Fernández)
Muiñeira de Froxán (tradicional)
Muiñeira grande (composición Juanjo Fernández)
Muiñeira do Lar (Ricardo Portela de Viascón, Carballedo, Pontevedra)
Muiñeira de Pontesampaio (Cancioneiro de Inzenga)
Muiñeira de Secundino (Secundino Castro de S. Martín de Suarna, A Fonsagrada, Lugo)
Qué llevas en esa falda (Manuel Rodríguez "Nela" de Bres, Taramundi, Asturias)

Cousas relacionadas:

As fontes musicais, novo disco de Juanjo Fernández con Manuel Alonso

Juanjo Fernández Lugo, 14/7/05

Ir arriba


Tronada en Ferrol, 1.986


Tronada en Ourense, 1.987


Tarxeta do cuarteto


Tronada en Sevilla, 1.990

Tronada na taberna "Heicho de dar", A Ínsua, Pontecaldelas (Pontevedra), 1.993