Cabecera

Acontecimentos

 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

II Festa da Pandeira

A tal punto os detalles da II Festa da Pandeira están ultimados. Unha vez falado con toda a xente que intervén dalgunha maneira xa se sabe con algo máis de fiabilidade as tocadoras que virán. A fiabilidade completa é difícil tela, as tocadoras son mulleres de idade e algunha indisposición de última hora pode impedirlle-la asistencia. Nas imaxes da dereita están os detalles, para velos mellor, pódense utiliza-los enlaces que conteñen pois levan a imaxes de maior tamaño.

Un dos colaboradores é a Delegación de Cultura e Deportes de Lugo e outro o concello de Cervantes, que tivo a xentileza de ofrece-la montaxe dun pequeno escenario no medio do lugar, nun espacio que chaman O Campón. Por el irán pasando as tocadoras cando lles vaia tocando o turno. Os expontáneos que queiran interpretar algo na Sesión Nocturna farano xa no colexio en previsión de que a temperatura baixe a esas horas pois Piornedo está a algo máis de 1.200 metros de altura sobre o nivel do mar.

Un pequeno repaso polas tocadoras/es que acudirán.

Mercedes de Estevo

Mercedes Fernández, da casa de Estevo do lugar de Moreira de Donís (Cervantes), naceu no ano 19. Na súa mocedade viviu moi intensamente as polavilas e bailes amenizados pola pandeira, onde había outras veciñas que tamén a tocaban como Concha da Calella (hoxe de Paula) María de Paula, Aurelia de Mon, Carme de Queiroga (casada alí pero que foi de Castelo de Donís) Carme de Moreiro (igual pero que foi do Ancho de Piornedo) ou María de Mourazo. Como se vei un número considerable de tocadoras nunha época de actividade que vai dende os anos 20 ós nosos días. Das tocadoras de antes non falamos pero daban para escribir moito. Mercedes toca coas dúas mans tódolos xéneros o que resulta moi interesante porque nos leva a un xeito arcáico que cada vez se vei menos en Cervantes.

Cecilia de Coro

Cecilia Alonso, da casa de Coro de Piornedo (Cervantes), naceu no ano 39. É unha muller que de moza se trataba moito con Inés de Naipes (outra asistente á Festa), xuntas teñen feito algunha voda no pueblo. Toca a unha mao, xeito moi habitual nas mulleres da súa xeneración. Na actualidade vive en Ponferrada, onde a foi buscar a Televisión de Galicia para face-lo programa "Alalá" adicado á pandeira en Cervantes.

Inés de Naipes

Inés Rodríguez naceu ó Sesto de Piornedo no 37 pero casou en Donís, na casa de Naipes. É unha muller que nos ten axudado moito ó grupo Polavila en pezas do repertorio, letras e moitos detalles que son necesarios coñecer sobre da tradición da pandeira. Inés ten aparecido tamén recentemente no "Alalá" da pandeira, onde deixou constancia da súa calidade humana e coñecemento sobre da cultura tradicional.

Pacientina de Agustín

Pacientina López naceu en Robledo no ano 27 e, sen sair da parroquia de Donís, casou no Vilar. Dende nena especializouse en toca-lo tambor, conforme á tradición desta zona montañosa, gracias a un instrumento que fixo un carpinteiro veciño. Cando non había tambor tocaba en calquera lata que houbera a mao. Máis que cantar, aínda que tamén, o que facía Pacientina era tocar só ritmo para bailar ou acompañar a gaiteiros como un irmao dela chamado Francisco que vive en Cacabelos, O Poso, Pedrín de Coro, Baldomero de Castelo de Donís, etc. Pacientina tamén apareceu no programa da pandeira de "Alalá", acompañando a José María "O Pumarín" de Quindous (Cervantes).

Aurelia da Fonte

Aurelia Gómez naceu á casa de Mon de Moreira (Cervantes) no ano 35 e casou na casa da Fonte de Vilaver (Cervantes). Toca a pandeira dende moza aprendendo das mulleres da anterior xeneración. Aínda así ten un estilo que non lle vimos a ningunha outra tocadora, consistente nunha especie de fusión do xeito "a dúas maos" e a "unha mao". Como detalle curioso queremos citar que a moliñeira que canta Aurelia ten máis relación coa tipoloxía melódica das que se cantan no Val de Ancares (León), con cinco versos musicais. É unha gran coñecedora de cántigas e romances antigos.

Virginia de Santín

Virginia Gómez, da casa de Santín de Noceda (Cervantes), naceu no ano 34. Viviu moi intensamente as frecuentes polavilas e bailes que se facían en Noceda, lugar que destacou pola cantidade de músicos que deu. Na actualidade vive en Barcelona pero conserva ben as cualidades para tocar.

Fernando da Casanova

Fernando Santín naceu en Vilanova do Pedregal (Noceda, Cervantes) no ano 48. Tamén viviu as polavilas e bailes que se facían en Vilanova sendo neno. Toca unha pequena pandeireta de tipoloxía chilena como un capricho persoal, coa que interpreta as cántigas e romances que recorda da súa crianza. Especialmente valiosa no seu repertorio é a moliñeira que canta, moi completa e meritoria pola calidade melódica e a presencia dun retrouso para a volta do baile, pouco habitual nas que nos transmiten o resto dos informantes da zona.

Argentina Frey

Naceu en Prado, ayuntamiento de Villafranca del Bierzo, no ano 24 e casou en Olleros (Vega de Espinareda). Despois de varios anos en Francia instalouse en Ponferrada. É unha excelente tocadora e cantadora, que intervén con regularidade no conxunto de música tradicional "Alegría berciana", baixo a dirección de Rafael Busto, no que ten a oportunidade de demostra-las súas cualidades.

Carmen Álvarez

Carmen naceu en Tormaleo (Ibias, Asturias) no ano 28 e cando se casou instalouse na casa do Portugués de Fondodevila, a poucos kilómetros da súa casa natal. É unha cantadora interesante porque recorda xéneros antigos e propios da súa zona como la gallegada, unha variante asturiana da moliñeira. Tamén interesante a jota que coñece, da msema tipoloxía que as que se cantan nos concellos ancareses de León ou Lugo.

María e Arcides González

Estas irmás de Trabau (Degaña, Asturias), nacidas no 33 e 31 respectivamente, son unhas cantadoras e tocadoras recoñecidas, que foron homenaxeadas varias veces na súa zona. María, algo máis activa que Arcides, recibe numerosas visitas de recolectores que a solicitan para informarse de toques e melodías do rico folclore local. Neste folclore local destaca el amodar, un xénero con denominación exclusiva do lugar que se corresponde tipolóxicamente co baile corrido.

Cándida González

Nacida en Trabau (Degaña, Asturias) no 35, Cándida é, igualmente, unha boa tocadora e cantadora. Na actualidade vive en Lugo, onde a coñecimos hai varios anos. Froito dese encontro foi o descubrimento dunha valiosa informante que coñece un interesante repertorio de toques e cántigas da súa zona, chamada "Terra dos Cunqueiros". Esta comarca posúe algunhas características culturais moi valiosas entre o que podemos destacar unha curiosa e definida variedade dialectal da fala astur-leonesa.

Ángeles de Ignacio

Ángeles Abella, nacida en Candín no ano 32, é unha tocadora recoñecida en Candín, onde recordan as numerosas polavilas e bailes que ten feito. Despois de moitos anos sen tocar, na pasada festa de Candín do 10 de agosto tocou con moito éxito.

Nélida de Patacones

O pasado ano tivémo-la sorte de coñecela e compartir con ela unha tarde inolvidable de toques e cantigas propios de Candín. Interesantes os seus toques nos que podemos destaca-lo debuxo rítmico que fai na volta da Jota, cunha acentuación moi característica e que ten moita afinidade co que se fai no resto da Provincia de León.

Esther e Valentina González

Estas irmás, naturais de Villasumil e nacidas no 35 e 37 respectivamente, son unhas magnníficas tocadoras e cantadoras. Teñen un repertorio moi extenso e interesante de melodías bailables e cántigas narrativas. Entre as pezas que saben destacamos unha variedade da moliñeira que ten cinco versos musicais, cousa que xa comentamos da moliñeira de Aurelia de Mon. Tocan principalmente á súas maos, un xeito antigo que é necesario recuperar polo seu valor musicolóxico.

Lidia de José de Rexe

O ano pasado quedamos agradablemente sorprendidos coa presencia desta tocadora, nacida en Suárbol no 32. Lidia ten un toque seguro que aprendeu na súa mocedade nas frecuentes polavilas e bailes que se facían en Suárbol. Toca principalmente a unha mao.

Isto é o que queriamos dicir respecto da II Festa da Pandeira e as tocadoras que se espera asistan. Despois da celebración falaremos un pouco das incidencias.

Incidencias

Agora que a Festa xa pasou podemos dicir que resultou un éxito por varias razóns. O xantar estivo rodeado de cordialidade, tempo no que os invitados tiveron ocasión de falar uns cos outros e perde-la frialdade inicial no caso de habela.

As tocadoras asistentes demostraron estar moi cómodas en todo momento e o marchar todas manifestaron a súa satisfacción polo clima de aprecio e cordialidade que se viviu. Respecto das asistencias, comentar que algunhas tocadoras non poideron acudir por diversas causas. Así lle pasou a Mercedes de Estevo, a Carmen Álvarez e a Ángeles de Ignacio.

No público observouse un comportamente moi apropiado pois se respetaron moito as intervencións das tocadoras e manifestouse en xeral un aprecio ás evolucións destas informantes que tanto aportaron no escenario.

Tal e como a organización dispuxo, á finalización da ronda de intervencións das tocadoras, fixose un homenaxe a Bernardino do Pereiro consistente nunha descripción do seu valor musical e a audición de "Ameliña, Amelia", emblematica cántiga que el tanto popularizou, mentres o público cantaba tamén apoiándose nunhas follas coa letra que se repartiron.

A Sesión Nocturna estivo moi animada no mesmo Campón de Piornedo. Alí cantouse, tocouse e bailouse. Cando cairon unhas gotas de chuvia, polas nove e media, pasouse á escola de Piornedo onde se fixo unha improvisada cea e continuou a Festa ate as dúas e media da mañán. Houbo intervencións de Ester e Valentina de Villasumil, María, Arcides e Cándida de Trabau, Fernando da Casanova, Pablo Carpintero que tocou coa súa muller Rosa, Polavila, Ricardo M. Mouriño de Ferrol, Fernando Dopico, o encargado da palloza-museo da Casa do Sesto, Fuco, que tamén é gaiteiro, Juanjo Fernández e Diego de Ponferrada.

Vimos outras moitas caras coñecidas da zona e de fora dela e moita xente gravando audio e video. En canto se poida habemos poñer unha fotos que ilustren todo isto.

Cousas relacionadas

A Pandeira, artigo neste sitio web sobre do instrumento
Tocadora de pandeira, artigo neste sitio web sobre Aurora López, de Veiga de Brañas
On Spanish, Galician and Portuguese frame drums, colaboración con Peyman Nasehpour
I Festa da Pandeira, artigo neste sitio web sobre ese acontecimento en Piornedo
Tenda de pandeiras, pandeiras de artesanía

Juanjo Fernández Lugo, 22/8/07

(actualizado 27/8/07)

Ir arriba

Cartel
Cartel da II Festa da Pandeira

Programa 1
Programa (1)

Programa 2
Programa (2)