Percusionada en Barcelona
As relacións persoais através de internet poden chegar a ser moi interesantes. O correo electrónico, un dos canais de contacto máis clásico, permite unha resposta tan rápida como se tarde en redactar, unha extensión dos escritos tan grande como se queira, envío de son, imaxe e outros arquivos. A frecuencia e o contido dos escritos xenera afinidades, intereses comúns, afectos. Pero está marcada pola ausencia de contacto físico, contacto directo, razón pola que é frecuente que se organicen encontros entre particulares ou entre membros de comunidades virtuais. Estes encontros teñen ingredientes como pasar á acción, supera-la fase de xestación, reafirma-la relación previamente establecida, coñecer un pouco máis ás persoas e se organizan ó redor de temas de interés compartido. Tal é o caso da "percusionada" de Barcelona dos días 2, 3 e 4 do vindeiro mes de maio que, de primeiras, foi pensada para reunir ós membros europeos de FrameDrummer.
O grupo de correo FrameDrummer une a percusionistas que tocan instrumentos de bastidor como a pandeireta, a pandeira, o pandeiro e outros tipos afíns, repartidos por todo o mundo (informatizado), entre os cales un día xurdiu a idea de realizar unha concentración. A dificultade de xuntar integrantes de tan variadas procedencias é grande polo que, dende Europa, se propuxo un encontro máis modesto, pensado máis para residentes no vello continente.
Despois de falarse no foro, a iniciativa da organización tomárona Gianluca Baldo, un italiano polifacético que vive en Barcelona e que ten entre as súas habilidades o manexo do tamburello e o seu compatriota Andrea Piccioni, un especialista en percusións italianas. Puxéronse en marcha e xa teñen una parte do camiño andado, cun avance das actividades planificadas para os tres días. Toda a información relacionada co EFDM 2005 (European Frame Drumers Meeting 2005) está colocada na rede e actualizada a medida que se producen os novos detalles. Dita información inclúe programa, pequena biografía dos ponentes, lugar, aloxamentos, costes, contactos, patrocinadores e outros.
Como se pode comprobar no sitio web indicado, os actos teñen dúas dimensións diferentes. Por unha parte preténdese dar un carácter máis ou menos de rigor, convocando a certos especialistas para que expoñan os seus traballos e, por outra, quérense realizar sesións musicais de libre participación entre os percusionistas presentes. Ademáis do placer de ver persoalmente e facer música cos amigos virtuais ou, simplemente, darse unha volta por Barcelona, é unha boa ocasión para comproba-lo traballo que se está a facer con este tipo de percusións de man.
Juanjo Fernández Lugo, 20/2/05

Frame drums

Gianluca Baldo

Andrea Piccioni