A dixitación
Historia
Na prehistoria, a única dixitación que había era o que hoxe se coñece como "dixitación pechada" ou, simplemente, "o pechado". Dende un punto de vista moderno, con todo tipo de instrumentos de dixitación aberta que coñecemos e maneixamos, é difícil explicar por qué se tocaba antigamente pechado e non aberto “que é máis doado”. Pero se facemos un esforzo por situarnos hai 10.000 ou 15.000 anos, cando a gaita (a "gaita" propiamente dita é o punteiro) era de oso ou cana e tiña unha medida entre 10 e 15 cm., cando se tocaba facendo coa boca unha insuflación contínua, cando tiña un rexistro que non superaba seis notas, cando a música que producía tiña un carácter monótono e envolvente, podemos entrever que a dixitación pechada ofrecía un timbre e afinación máis uniformes, un ataque das notas claro que axudaba na medida e na definición, unha máis doada realización dos intervalos (interviñan menos dedos). En realidade sigue a ofrecer todas estas cousas. Probemos tocar aberto e pechado cunha gaita semellante, notaremos que a diferencia de calidade é considerable en favor do pechado.
A dixitación pechada non só se usaba coas gaitas primitivas que acabamos de describir, que pertencen organolóxicamente ós clarinetes, senón que servía igualmente para tocar outros tipos de instrumentos de vento, como son as flautas e os oboes, familia ésta á que pertence a actual gaita do fol. O pechado foi desaparecendo en Europa ó final da idade media, a medida que a cultura occidental demandaba cambios na concepción musical: invención de novos instrumentos, alteracións, maior rexistro, chaves. So uns poucos instrumentos en Europa conservan hoxe esta dixitación, entre os que están gaitas coma a galega, a asturiana e algún outro instrumento máis coma o albogue. No resto do mundo os instrumentos que conservan aínda a dixitación pechada están relacionados coa cultura islámica: algunhas flautas e, sobre todo, gaitas de boca e fol.
Dixitación prehistórica
A imaxe da dereita amosa a dixitación da misued, tipo de gaita que se toca en Alxeria e que podemos calificar de prehistórica. É unha dixitación semellante á de moitas outras gaitas de cana (con e sen fol) e coincidente por completo coa dixitación clásica da gaita do fol, no intervalo que hai entre o primeiro e o quinto graos. Podiamos dicir, as notas DO, RE, MI, FA, SOL e LA pero, como se pode comprender, a gaita non era un instrumento temperado. Si, en cambio, podemos utilizar eses nomes de notas pero só a título orientativo, para que se poida comprender esta explicación.
Difícil é saber cal foi o camiño evolutivo exacto que seguíu a gaita e a dixitación até os nosos días. De feito, tal vez, non debiamos falar da "evolución" da gaita coma "un instrumento" posto que o que realmente facemos é un seguimento por instrumentos diferentes que os queremos relacionar para presentar unha hipotética evolución. Neste sentido podemos intuir que a gaita prehistórica de cana foi experimentando unha serie de cambios ó longo da historia. O paso evolutivo máis importante para nós é o intre no que o punteiro convírtese nun oboe, o que poido ocurrir xa en tempos do imperio romano.
A transformación final na configuración do punteiro, para que tivera o aspecto actual, debeu ocurrir en época renacentista, cando se engadirían os furados traseiro e baixo, incluídos coa intención de dotar á gaita da sensible, acorde cos cambios musicais imperantes, e abrir un camiño á segunda oitava. Tal vez aínda non se pode considerar a esta gaita coma un instrumento temperado pero a transformación sufrida indica que, en conxunto, as gaitas de Galicia estaban inmersas no mesmo proceso de evolución musical que outros instrumentos (gaitas, oboes, flautas, etc.) que tamén rematan por acadar esa mesma distribución de furados. O caso é que este proceso fixo que apareceran dúas novas posicións. Poden verse no cadro inferior e son a número 1, evidente posto que é a sensible inferior e a razón de abrir ese furado, e a 9, que abría paso á segunda oitava. Nos séculos XV-XVI a gaita xa tería a dixitación clásica ou antiga que perdurou ata a actualidade. É unha escala casi por completo coincidente coa dixitación que se realiza en Asturias.

Dixitación clásica ou antiga
A gaita do fol, debido á súa permanencia en entornos rurais con escaso desenvolvemento, conservou esta dixitación pechada cunha fidelidade asombrosa, adaptándose tímidamente ós novos tempos, gracias ó que podemos hoxe dispoñer dunha dixitación milenaria para orgullo de Galicia. Preciso é destacar cómo a dixitación pechada está íntimamente ligada ó repertorio antigo e enxebre, poidéndose notar que moitos dos debuxos melódicos deste repertorio vello realízanse moi doadamente en pechado, confirmando ter sido creados baixo a óptica desta antiga maneira de tocar.
O pechado en Galicia
A dixitación da gaita galega está directamente relacionada coa do conxunto das gaitas de madeira europeas aínda que desaparecera totalmente en casi todas elas. Esta dixitación tíña un rexistro maior que a gaita de cana, porque tamén o instrumento de madeira o tiña e, durante moitos séculos, permaneceu vinculada ó instrumento sen casi alteracións; so as modificacións xa citadas, debidas ós cambios realizados no punteiro (ampliación de furados). A decadencia da dixitación pechada en Galicia maniféstase de xeito significativo xa no século XIX aínda que debía levar tempo xestándose. Foi debida á varias causas. A máis importante foi a presión exercida polos instrumentos clásicos (clarinete, flauta, etc.) que, en agrupacións de tipo banda e outros conxuntos, se difunden enormemente no país durante todo ese século. Estes instrumentos clásicos esíxenlle á gaita do fol temperación e equiparación coas dixitacións abertas que eles teñen. Outro factor importante é que o fenómeno urbán comeza ser considerable en Galicia no XIX. A principios do XX o gaiteiro de tradición oral desaparece nas cidades, para dar paso a un crecente movemento de conxuntos, algúns dos cales podémolos considerar de "Coros e Danzas". Agora tócase a dúo xa ou con outros instrumentos clásicos.
A mediados do século XX o panorama de conxuntos de gaita nos que se toca aberto é abrumador, pasando o pechado a ser algo raro, cultivado casi en exclusiva por gaiteiros de zonas rurais afastadas dos grandes núcleos de poboación. Nos anos ´80, atravesaba por unha fase crítica. Aínda así, Ricardo Portela era coñecido coma un gaiteiro que tocaba en pechado, gracias ó que o seu estilo tivo unha certa difusión entre o mundiño da gaita desa década. A importancia de que Portela tocara pechado estaba no seu virtuosismo, admirado por todos, co que demostraba que tocar así non significaba perder calidade, afinación, medida, e que se podían facer perfectamente dúos. El daba ás súas pezas un relieve interpretativo inusitado para a época e tocaba un repertorio moi variado, con tonos menores e melodías modernas ás que lles daba o mesmo carácter enxebre. Foi unha sorte tratalo e estudia-la súa dixitación, o que deu ó noso traballo coa gaita unha dirección definitiva.
O pechado de Portela cumpliu un papel importante pola difusión que tivo pero podíase depurar. El acudía moitas veces ó aberto para solucionar certos problemas de articulación que se podían facer tamén en pechado, retocando levemente certas posicións. O tono menor podíase axustar máis ó diapasón, etc.
Tivémo-la honra de ser dos primeiros da actual xeneración en tocar desta maneira e de te-la oportunidade de actuar durante unha etapa importante en moitos sitios, axudando a difundi-lo pechado. Despois de coñecer a Portela tivemo-la fortuna de tratar a outros grandes gaiteiros que tamén tocaban así coma Adelino Pichel, Emilio Fernández, José Oliveira "O Moreno", Clemente Díaz e moitos máis (recentemente coñecimos a Manuel Biqueira, de Ordes, A Coruña, cun pechado extraordinario) a quen lles hai que agradece-lo aporte de valiosos argumentos que sirven de base á motivación de sermos gaiteiros galegos.
Adaptación ó repertorio moderno
Con vistas a utiliza-lo pechado no repertorio actual, o problema máis significativo que había que afrontar era que a posición para o MI natural, na dixitación antiga, daba o MI bemol na dixitación moderna. A gaita moderna sufrira xa unha importante etapa de temperación nas derradeiras décadas para que ese MI bemol fora posible. O máis razoable era utilizar esa posición moderna do punteiro, que tiña xa acadada unha afinación moi boa da terceira menor, e usar en pechado unha nova posición de Mi natural, a número 6 do cadro de máis abaixo. Pero o novo problema era que esa posición resultaba pouco funcional cando se realizaba o intervalo MI-FA ou FA-MI, esixindo un movimiento de dedos pouco natural. O mellor era face-la posición de MI aberto, número 7, só no caso destes intervalos que se mencionan. Esto precisaba un control considerable das dúas posicións e un estudio previo das melodías para poñer en cada intre o MI que correspondía. O periodo de proba destes cambios foi satisfactorio e o consideramos un logro importante. Esta posición do MI pechado non é posible facela na oitava aguda, na que ten que facerse o MI aberto. As experiencias coa flauta traveseira indicaban que a utilización de posturas diferentes para unha mesma nota é algo común en todo tipo de instrumentos de vento, sobre todo cando estes instrumentos aspiran a un rexistro grande, a un cromatismo total. De maneira que había moitas razóns que apoiaban esa opción. A única pega, si se pode chamar así, é que na oitava de arriba a postura correspondente ó MI pechado non se pode facer igual sinón que hai que facela sempre coma o MI aberto
Outras novas posicións que houbo que buscar foron as dos números 9, 11 e 14, que dan o SOL bemol, o LA bemol e o SI bemol respectivamente.

Dixitación moderna (Juanjo Fernández)
Para SOL bemol usábase había décadas a tranquilla resultante de baixa-lo dedo índice da man dereita sobre o SOL aberto. En pechado tamén valía esta opción pero os intervalos SOL natural-SOL bemol ou SOL bemol-SOL natural carecían de definición, botándose en falta algo de estalido polo, que o mellor era usar unha nova posición, a número 9, que daba a expresividade necesaria.
O LA bemol que resultaba da tranquilla clásica era moi doado pero a afinación ficaba demasiado alta casi sempre polo que houbo que fixala erguendo o dedo índice da man dereita, ver posición número 11. Desta maneira a dixitación complicábase algo máis pero os resultados acadados compensaban con moito o esforzo realizado.
A posición do SI bemol convencional clásica ou antiga, a número 13, sempre foi e será válida pero complica moito a dixitación en certos casos de frases ou recursos en tono menor, no rexistro alto. Para estes casos era mellor tomar unha nova posición, a número 14, que dera fluidez melódica. Perdíase o estalido da nota pero simplificaba o traballo, por exemplo, co trino e o semitrino, imposibles coa posición clásica.
Para o RE bemol, número 3, non había posición algunha que sustituira a semiobturación co dedo anular da man dereita, pero non foi algo preocupante debido ás escasas veces en que esta nota era precisa: so en determinadas composicións modernas ou en adaptacións de certas pezas vocais en modo frixio (“Axeitame a polainiña”, “A Basilisa”, etc.). Coma unha solución a certa etapa na que si precisaba esa nota con frecuencia (tocar en escala de RE coa gaita de DO, cousa que facía en Alecrín) solicitei a mestría de Seivane que fabricou un punteiro cunha chave que daba esta nota. Outra opción para esta nota foi tomada da flauta de pico na que, en moitos instrumentos, hai practicado un doble furado, moi interesante e funcional, resultando unha solución magnífica tamén na gaita do fol. Recentemente, Suso Vaamonde difundiu unha nova opción para esta nota, que consiste en practicar un furado traseiro, que maneixa o dedo gordo da propia man dereita. É algo que se practica dende hai décadas en varias gaitas europeas, xa modernizadas e desconectadas das vellas tradicións respectivas. Ésto soluciona enormemente o problema porque un furado exclusivo é doado de afinar pero a contrapartida é que o dedo gordo tense que situar demasiado baixo e inmóvil causando un excesivo esforzo o que vai en contra de importantes principios das maneiras tradicionais coa gaita: dedo gordo á altura do índice e reducción máxima de esforzos.
Adaptación do requinteo
O segundo rexistro da gaita, o que aparece coa mesma posición inicial do primeiro máis ou menos adaptada, comeza na oitava da tónica (na oitava da sensible, en realidade, pero sempre hai que tomar á tónica como a nota inicial) pero no clarinete, ese segundo rexistro, comeza na treceava, é dicir, unha quinta máis arriba da oitava. O clarinete fai algo máis que quintear: requintea. A gaita do fol tomou a expresión requinteo do clarinete hai xa moitas xeneracións, estando tan asumida a día de hoxe que ningún gaiteiro utiliza a palabra correcta: oitaveo. É unha proba máis da longa convivencia destes dous instrumentos.
O FA agudo, número 22, non se pode facer igual que na oitava baixa porque sae moi grave polo que hai que facelo como aparece no cadro.
O SOL e LA agudos, números 23 e 24, non teñen uso na melódica tradicional. So a posición do SOL agudo ten moita utilidade pero non como unha nota senón para repetir o DO agudo, número 18, por medio de falso silencio. En calquera dos casos, son posicións que dan unha afinación moi boa e poden moi ben terse en conta para casos futuros, nos que se queira dar un maior ámbito á melódica gaiteira. O SI agudo, que non aparece no cadro, é igualmente acadable seguindo a mesma progresión que na oitava baixa e tamén ofrece unha afinación xusta. Obsérvese que para realizar estas tres derradeiras posicións, o dedo gordo da man esquerda ten que tapa-lo furado correspondente, é a única maneira de dar estas notas tan agudas que, por certo, teñen unha execución casi imposible se non se realizan seguindo a escala ordenadamente dende, polo menos, o FA agudo.
Os punteiros
En teoría cada dixitación (entre a "totalmente pechada" e a "totalmente aberta" hai moitas posibilidades intermedias) precisa un punteiro específico. É verdade que na gaita, digamos, "rural" dábase con moita frecuencia (sigue ocurrindo en casos) que os punteiros non estaban correctamente afinados. Ésto quere dicir que nin o artesán nin o gaiteiro tiñan un control aceptable da afinación de tódolos graos da escala. Este control veu modernamente, cando os artesáns foron tendo a capacidade de darlle á gaita unha temperación fixa e cando os gaiteiros, xa cunha mentalidade moderna, aplicaban a súa cultura musical actual.
Nos punteiros antigos é moi común ver unha sucesión escalonada, bastante regular, no calibre dos furados. Indica que se trata de gaitas destemperadas construídas baixo un criterio máis lóxico que racional. Por contra, nos punteiros modernos apréciase unha distribución de calibres menos regular, froito do cálculo preciso da afinación que deben te-los graos da escala.
Para tocar pechado nun punteiro é aconsellable que estea fabricado específícamente para esta dixitación aínda que sempre podemos transformar un de aberto. A diferencia máis importante no calibre dos furados atópase no furado número catro, se contamos dende abaixo. É dicir, o que tapa o dedo índice da dereita. Nun punteiro de DO para tocar pechado ten que ter un diámetro aproximado de 5,5 mm.
Referente a este punto, hai que dicir que, sen desmerecer esforzos doutros artesáns, Seivane fixo un excelente traballo por tempera-lo punteiro de pechado, cuios resultados foron definitivos para darlle unha continuidade digna a esta dixitación milenaria.
Cousas relacionadas
O tocar pechado, un estilo que durme 1 (imaxe artigo Anuario da Gaita)
O tocar pechado, un estilo que durme 2 (imaxe artigo Anuario da Gaita)
O tocar pechado, un estilo que durme 3 (imaxe artigo Anuario da Gaita)
A dixitación pechada, patrimonio da humanidade 1 (imaxe artigo A nosa Terra nº especial)
El ritmo en el movimiento de los dedos 1 (imaxe artigo Faro de Vigo)
Recursos de interpretación (páxina neste sitio web)
Juanjo Fernández Lugo, 20/7/02
(actualizado 26/12/05)
![]()
Gaita primitiva: un tubo, furados e un pallón

Dixitación prehistórica

Punteiro antigo (dixitación pechada)

Punteiro moderno (dixitación aberta)

Punteiro Seivane (dixitación pechada)