Cabecera

A gaita do fol

 

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Recursos de interpretación

Antes de entrar en materia, debemos dicir que a notación que escollimos para a escritura de gaita e os recursos de interpretación é froito dunha intensa reflexión. Que o máis razonable é escribir na tonalidade de DO é algo que persoas mellor preparadas musicalmente xa demostraron. Que utiliza-la oitava real é o máis lóxico tamén o demostraron grandes musicólogos cando escribiron música de gaita sin condicionamentos previos. Queremos engadir, ademáis, que escribindo desta maneira as plicas de tódalas figuras van cara abaixo, ofrecéndose unha boa opción de situar cara arriba as pequenas figuras das apoiaturas, outros recursos e anotacións, resultando máis visibles.

Unha parte destes recursos é tamén aplicable á dixitación aberta, á que aludimos repetidas veces, pero é a pechada a que conta cunha maior expresividade e participa de todos. Aconsellamos ós que tocan aberto experimentar co pechado para ter elementos de xuicio.

O texto, aínda que fixemos por simplificalo ó máximo, é duro porque se fala seguido de recursos, de notas, de posicións, de dedos da dereita, da esquerda. É preciso estar mínimamente concentrado para comprender ben todo. Aconsellamos tamén ter a man un punteiro e o cadro da dixitación para identificar axina cada posición que se cite. A interpretación dos arquivos de audio é a seguinte: partimos de DO, realizámo-lo recurso e volvemos a DO. Agora si comezamos.

Presentación

Os recursos de interpretación son todas esas notas ou efectos que os músicos fan e que normalmente non aparecen nas partituras. Os recursos potenciais da gaita son ilimitados pero hai unha serie deles que foron desenvolvidos e utilizados por anteriores xeneracións de gaiteiros polo que non só teñen moi probada a súa utilidade senón que configuran a "fonética galega da gaita". Coñecer cales son estes recursos de interpretación propios é importante para todo o que busque acadar unha sonoridade galega coa gaita.

Para abordar este tema dividirémo-lo total dos recursos en dous grupos principais: os recursos de repetición e os recursos de adorno.

Recursos de repetición

Son os obligatorios, os que non podemos evitar porque a gaita non pode repetir de xeito natural dúas notas iguais. É dicir, para repetir calquera nota temos que poñer outra secundaria polo medio; esta secundaria será o recurso. Témo-lo falso silencio e a apoiatura.

Falso silencio

- Agudo

Consiste en provocar unha especie de baleiro sonoro, dende calquera posición ou nota, erguendo un dedo da man esquerda (para os esquerdos será a dereita). Isto provoca unha nova nota, neste caso casi sempre de afinación indefinida. Os dedos que se utilizan para esta función son o anular e o índice. Éste é un recurso que aparece moitas veces nas partituras escrito igual que unha apoiatura, o que resulta moi pouco satisfactorio. A súa particularidade está en que é un recurso de anticipación, de antes do ataque. Por esta razón tivemos que representalo coma unha nota máis da melodía, marcado cun "F" para que non pase desapercibido.

Por exemplo, nunha partitura aparecen dous MI (negra) seguidos e nós queremos repetir por medio de falso silencio. Para realizalo dámo-lo primeiro MI, antes de que remate erguémo-lo dedo índice (sen mover ningún outro dedo) e cando chega o intre de da-lo segundo MI baixámolo. O que soa realmente é un MI (corchea), unha nota imprecisa semellante a un DO agudo (corchea) e un MI (negra). Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Como vemos, para realiza-lo falso silencio sobre MI erguémo-lo dedo índice, posición especial que nos da una afinación achegada a DO agudo. Para repeti-las notas DO e SI utilizaremos sempre o dedo anular, posición que nos dará unha afinación entorno a SOL. Para repetir RE, MI (que acabamos de ver), FA, SOL, LA e os seus respectivos bemois, utilizarémo-lo dedo índice, que nos dará una afinación imprecisa sempre pero achegada ó DO agudo. Rógase evita-la vulgaridade de repetir RE e MI co dedo anular ou calquera nota co dedo corazón.

Este recurso é moi tradicional e típico da gaita galega, que se pode utilizar igual coa dixitación aberta e coa pechada. Realízase con moita frecuencia para iniciar unha frase, especialmente cando ésta comeza pola mesma nota que na que rematou a frase anterior. Xa se vei que a afinación do falso silencio non é sempre real o que non ten importancia posto que se trata deso, dun "falso silencio". Veise tamén que a nota que o representa indica máis o dedo con que se realiza (DO agudo co índice, SOL co anular).

- Grave

Agora non se trata de erguer un dedo senón de baixalo. É dicir, o "baleiro sonoro" realízase por medio dunha nota máis grave. O dedo que se utilice dependerá da posición sobre a que se faga.

Por exemplo, nunha partitura aparecen dous MI (negra) seguidos e nós queremos repetir por medio de falso silencio grave. Para realizalo dámo-lo primeiro MI, antes de que remate baixámo-lo dedo corazón da dereita (sen mover ningún outro dedo) e cando chega o intre de da-lo segundo MI erguémolo. O que soa realmente é MI (corchea), SI (corchea) e MI (negra). Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Na partitura apréciase que é MI pechado (número 6 do cadro), se o MI fora aberto (7) o falso silencio se representaría cun DO e para facelo baixariámo-los dedos corazón e anular. Para repetir FA o que fariamos sería FA (corchea), DO (corchea) e FA (negra), neste caso co dedo índice da dereita. Para repetir SOL fariámolo co dedo anular da esquerda, LA cos dedos índice e corazón, etc. A posición de RE a repetimos cos dedos anular e pequeno, o que da SI porque harmónicamente interesa. A de DO só co pequeno resultando igualmente SI.

Este recurso é moi tradicional e típico da gaita galega aínda que exclusivo dos gaiteros que tocan con dixitación pechada. Como vemos, este falso silencio é sempre a tónica salvo cando se fai sobre MI pechado, RE ou DO que resulta un SI.

Apoiatura

A apoiatura, como recurso de interpretación da gaita, é a que se coñece na música clásica como "apoiatura breve", é dicir, unha pequena nota, cuio valor non conta na medida, que se antepón a outra. Esta apoiatura ou pequena nota pode ser máis aguda (superior) que a nota principal, a inmediata superior (inmediata superior) ou máis grave (inferior). En tódolos casos se representa por un valor breve de tamaño reducido, que normalmente vai ligado á nota principal.

- Superior

Por exemplo, na partitura aparecen dous MI (negra) seguidos e nós queremos repetir por medio de apoiatura superior. Para realizalo dámo-lo primeiro MI, cando chega o intre de da-lo segundo erguemos e baixamos asiña o dedo índice da esquerda (por exemplo). O que fixemos foi dar un MI (negra), unha nota imprecisa achegada a DO tan breve que non conta na medida e un MI (negra). Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Tamén podiamos realizalo co dedo anular, o que daría una afinación achegada a SOL. A afinación non importa demasiado, é un valor tan breve que conta pouco harmónica ou melódicamente pero si se caracteriza por unha certa distancia tonal con respecto á nota principal o que da unha sensación sonora particular diferente a outras apoiaturas.

Este recurso é moi raro na tradición da gaita galega, o utilizan máis os gaiteros xóvenes que copian a sonoridade das gaitas británicas, as veces unindo dúas ou tres apoiaturas deste tipo agrupadas.

- Inmediata superior

Por exemplo, na partitura aparecen dous MI (negra) seguidos e nós queremos repetir por medio de apoiatura inmediata superior. Para realizalo dámo-lo primeiro MI, cando chega o intre de da-lo segundo erguemos e baixamos asiña o dedo índice da dereita. O que fixemos foi dar un MI (negra), unha nota imprecisa achegada a FA tan breve que non conta na medida e un MI (negra). Ver imaxe á dereita. Escoitar.

O que diferencia a apoiatura superior da inmediata superior é o diferente color do recurso. É moi tradional e típico da gaita galega e se usa igual en aberto que en pechado.

- Inferior

Por exemplo, na partitura aparecen dous MI (negra) seguidos e nós queremos repetir por medio de apoiatura inferior. Para realizalo dámo-lo primeiro MI, cando chega o intre de da-lo segundo tocamos levemente co dedo corazón da dereita o seu furado correspondente. O que fixemos foi dar un MI (negra), un SI tan breve que non conta na medida e un MI (negra). Veise que o MI é pechado, se fora aberto fariamolo cos dedos corazón e anular e a apoiatura sería un DO. Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Neste caso de MI pechado só podiamos face-la apoiatura inferior co dedo corazón, o único dispoñible. Repetindo FA hai que utiliza-lo dedo índice da dereita. O que facemos neste caso é dar un FA (negra), un DO tan breve que non conta na medida e un FA (negra). Co SOL hai que utiliza-lo dedo anular da esquerda, co LA os dedos corazón e anular, co SI os dedos índice, corazón e anular, etc. No RE faise co anular e o pequeno, harmónicamente interesa que a apoiatura sexa un SI, aínda sendo tan breve nótase.

Como podemos ver trátase dun recurso moi diferente ó resto de apoiaturas, polo que debía ser tratado aparte. O efecto que produce é dunha sonoridade oscura, oclusiva, semellante a un "p" na cadea falada. É moi tradicional e típico da gaita galega aínda que casi exclusivo dos gaiteros de dixitación pechada.

Recursos de adorno

Este capítulo fórmano os recursos que non son imprescindibles para a comprensión da melodía. Si poden ter unha certa importancia para trasmitir ideas particulares do autor ou interpretacións ó xeito gaiteiro tradicional, cun código sonoro enxebre. Evidentemente tamén se poden utilizar, de feito se utilizan, para engadir fantasías varias ás melodías pero non é ésta a función que trataremos.

Falso silencio

- Agudo

Xa temos falado do falso silencio coma un recurso de repetición. Agora trátase de facelo exactamente igual pero en casos de ornamentación.

Por exemplo, na partitura aparece un MI (negra) e despois un SOL (negra) e nós queremos facer un falso silencio agudo entre eles. Para realizalo dámo-lo primeiro MI, antes de que remate, e sen mover ningún outro dedo, erguémo-lo índice e cando chega o intre de realiza-lo SOL poñémo-la nova posición ó tempo que baixámo-lo dedo índice. O que fixemos foi tocar un MI (corchea), unha nota imprecisa semellante ó DO agudo (corchea) e un SOL (negra). Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Como vemos, utilizámo-lo dedo índice pola sonoridade, queda mellor canto máis agudo. O falso silencio como recurso de adorno pódese utilizar en moitos casos, con maior frecuencia cando o intervalo entre as dúas notas é ascendente. Igual que o de repetición, este recurso é moi clásico tanto en aberto como en pechado.

- Picado de muiñeira con falso silencio agudo

Picado é unha vella expresión popular gaiteira que ten un significado impreciso, relacionado co efecto de atacar ou acentuar puntualmente unha nota. Cando se fala de "picar" non unha nota senón unha muiñeira, por exemplo, quérese dicir que se adornan as frases cun encadeamento de breves falsos silencios. Trátase de distribui-los falsos silencios estratéxicamente no grupo de tres corcheas tal como amosan as imaxes dos exemplos 1 e 2. Ver imaxes á dereita. Escoitar exemplo 1, exemplo 2 (realizados tres veces seguidas para mellor apreciación).

As frases acadan unha configuración do tipo que amosa a imaxe da dereita. Escoitar.

De xeito semellante tamén hai picado de jota, picado de alborada ou pasacorredoiras, mazurca, etc. aínda que cada xénero precisa unha distribución particular. En tódolos casos é un recurso moi típico e estimado aínda que reservado a gaiteiros con experiencia e aptitudes.

- Grave

Igual que o falso silencio agudo, o grave xa está explicado polo que non insistiremos senón na diferencia que agora supón a súa realización para a función de adornar.

Por exemplo, na partitura aparece un MI (negra) e despois un SOL (negra). Para realizalo dámo-lo primeiro MI, antes de que remate baixámo-los dedos corazón e anular da dereita e cando chega o intre de realiza-lo SOL poñémo-la posición correspondente. O que fixemos foi tocar un MI (corchea), un DO (corchea) e un SOL (negra). Ver imaxe á dereita. Veise que o MI é aberto, neste caso é aconsellable así. Escoitar.

Tamén é un recurso tradicional e estimado pero reservado a gaiteiros de dixitación pechada e con moito oficio. Igual que ocurre co falso silencio agudo, co grave se poden facer picados de muiñeira e outros xéneros pero agora cunha dificultade aínda maior porque a cada corchea correspóndelle seu falso silencio. Tela.

Apoiatura

Tamén se falou xa de cómo realizar cada especie de apoiatura nas repeticións. Neste caso de adorno é algo diferente porque, por exemplo, as apoiaturas superiores de recreo non existen na tradición galega, as inmediatas superiores si son moi comúns e as inferiores tampouco existen. Si cabe mencionar aquí a apoiatura dupla (coa inmediata superior), que ten un uso frecuente na tradición.

- Inmediata superior

Por exemplo, na partitura aparece un MI (negra) e nós queremos dar unha apoiatura inmediata superior. Para realizalo, independentemente da nota anterior na que nos atoparamos, damos un FA moi breve e caemos definitivamente no MI. Aquí a apoiatura non é tan extremadamente breve como a que se da para repetir e ben se pode comparar coa metade do valor da nota principal. Dito ésto, podemos eludi-la responsabilidade de poñer unha posición de FA correcta pero os gaiteiros de categoría coidan estas cousas. Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Este é un recurso sutil, propio de gaiteiros cun certo refinamento porque o máis normal é deixarse levar e facer unha apoiatura dupla.

- Dupla (inmediata superior)

Consiste en deixar que soe brevemente a nota principal, articular coa nota inmediata superior asiña e volver á principal.

Por exemplo, na partitura aparece un MI (negra) e nós queremos dar unha apoiatura dupla. Para realizalo, independentemente da nota anterior na que nos atoparamos, debemos dar un MI moi breve, logo un FA igualmente breve e definitivamente un MI. Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Este recurso é moi tradicional aínda que usado reiteradamente resulta vulgar, especialmente cando se realiza sobre as notas fortes ou acentuadas. Esta clas de abuso é moi típico de aqueles que ensaian con flauta, que se ven motivados a facelo pola escasa pegada sonora que ésta ten.

Semitrino

Consiste en converti-la nota principal nun tresillo articulado sempre coa inmediata superior. Na partitura se representa cunha liña quebrada enriba da nota.

Por exemplo, na partitura aparece un MI (corchea) e nós queremos dar un semitrino. O que facemos e un tresillo de semicorcheas formado por MI, FA e MI. Ver imaxe á dereita. Escoitar.

Éste é un recurso moi hispánico en xeral. Na gaita úsase en moitas ocasións, resultando algo cargante cando se fai reiteradamente nos acentos musicais. Pola mesma razón é máis elegante cando se realiza ocasionalmente sobre notas en tempos débiles.

Trino

Consiste en articular repetidamente unha nota coa inmediata superior durante todo o seu valor. Cando é un valor corto ponse só a abraviatura "tr" e cando é un valor longo se acompaña cunha liña quebrada que recorda que o trino se realiza durante todo o valor.

Por exemplo, na partitura aparece un MI (blanca) e nós queremos dar un trino. O que temos que facer é MI, FA, MI, FA, MI, FA, MI, FA, MI, é dicir, 9 notas nese mesmo tempo. Ver imaxe á dereita. Escoitar.

O número de notas debe ser sempre igual para o mesmo valor e o mesmo xénero. Por exemplo a unha negra con puntillo en muiñeira (6/8) correspóndenlle 7 notas (MI FA MI FA MI FA MI); a unha negra con puntillo en alborada (2/4) correspóndenlle 9 notas. Hai que facelo sempre así, nin máis nin menos.

Este recurso é moi clásico en todo tipo de músicas occidentais. Na gaita usouse moito en séculos pasados pero na actualidade é casi inexistente pola diferente maneira que hai hoxe de concebi-la interpretación.

Grupeto

Consiste en realizar unha articulación coa inmediata superior e a inmediata inferior. Na partitura se representa cunha liña ondulada, especie de "S" deitada, que simboliza o sube e baixa das notas.

Por exemplo, na partitura aparece un MI e nós queremos dar un grupeto. Para realizalo damos primeiro un MI, despois un FA, a continuación outro MI e, finalmente, un RE. Ver imaxe á dereita. Escoitar.

É un recurso moi hispánico, típico de gaiteiros que se formaron nas decadas dos 50 e 60, coincidindo coa gran difusión discográfica e radiofónica da tonadilla española.

Vibrato

O vibrato consiste en obturar parcialmente e de xeito repetitivo un furado para provocar algo parecido ó vibrato da voz.

Non existe maneira de representar ésto na partitura, normalmente se fai sempre que ó gaiteiro lle dea tempo nas notas. Sobre o DO, a tónica, é obligatorio cando remata a frase musical. No resto das notas tamén se debe facer cando se poida, especialmente en valores longos, cando a melodía se toma un respiro. En ocasións realízase desobturando un ou varios furados.

Éste é un recurso moi típico da gaita galega na actualidade. Non debía existir anteriormente ó seculo XIX pero a moda de vibrato vocal que ten lugar nese periodo trasladouno á gaita.

Combinacións de recursos

En moitas ocasións os recursos se realizan combinados. Un que precede con frecuencia a outros é o falso silencio, tanto o agudo coma o grave. Si, é moi común e as veces aconsellable que as apoiaturas, de calquera especie, vaian precedidas por el, igual que os semitrinos e os trinos.

Conclusión

Ista exposición foi redactada para ilustrar algo esta materia en agaitadofol.com. Faltaban matices e exemplos que reservabamos para a futura publicación dun método de gaita que sigue pendente. En maio de 2.006 apareceu o artigo Recursos de interpretación da gaita do fol na revista "etno-folk", nº 5, o máis completo que fixemos ata o momento. De todas maneiras queda claro con este resumo que a gaita galega ten un variado rexistro expresivo. Tanto que moitas veces un gaiteiro pódese preguntar si debe usar nun intre determinado un falso silencio, unha apoiatura, etc. Ante isto hai que dicir que a gaita do fol, como instrumento arraigado na tradición galega, utiliza sempre a referencia vocal. Por tanto, aparte de realiza-las frases musicais coa gaita, interesa tamén cantalas, a información que isto nos aporta é moi ilustrativa dos recursos a utilizar.

Cousas relacionadas

A dixitación

Juanjo Fernández Lugo, 16/5/05

(actualizado 4/6/08)

Ir arriba

Castellano
English


repetición con falso silencio agudo


repetición con falso silencio grave


repetición con apoiatura superior


repetición con apoiatura inmediata sup.


repetición con apoiatura inferior


adorno con falso silencio agudo


picado de muiñeira, exemplo 1


picado de muiñeira, exemplo 2


frase con picado de muiñeira


adorno con falso silencio grave


adorno con apoiatura inmediata superior


apoiatura dupla


semitrino


trino


grupeto