
Aurelia Gómez. 2.002

Inés Rodríguez. 2.002

S. Juan de Amandi

Cancioneiro da Ajuda

Pandeira falsa

Debuxo 1

Debuxo 2
A pandeira en Donís, Cervantes (Lugo)
Este instrumento de percusión que algún día foi moi popular en toda Galicia, na actualidade está relegado a moi poucos lugares da nosa xeografía. Un deles é a parroquia de Donís, no concello de Cervantes, ó pé dos Ancares. Alí podemos atopar a varias tocadoras pero temos que destacar a Inés Rodríguez, natural de Piornedo e casada en Donís, e Aurelia Gómez, de Moreira, aínda que hoxe é veciña de Villaver. Pero antes de ocuparnos das circunstancias nas que sobrevive alí a pandeira repasemos un pouco da súa historia.
Historia
O instrumento remóntase varios milleiros de anos atrás, téndose tocado en Exipto, Asia Menor e mencionado na biblia en varias ocasións co nome de tímpano. Baixo esta denominación tamén se coñeceu en latín, cuia lingua serviu de ponte entre o hebreo orixinal da biblia e as linguas latinas actuais. Está comúnmente aceptado que a denominación galega procede do latín pandorius aínda que, como acabamos de ver, tímpano foi tal vez o nome propio latino. De todas maneiras, resulta moi difícil distinguir entre a tipoloxía cuadrada (pandeiro) e a redonda (pandeira) cando se investiga tomando textos antigos, pois ambos instrumentos teñen tido a mesma denominación en diferentes etapas históricas e zonas do mundo.
Proba da popularidade que tivo a pandeira dende época medieval, no noroeste peninsular, é a talla en pedra dunha imaxe de tocadora de pandeira nun capitel da eirexa de San Juan de Amandi en Villaviciosa (Asturias), que data do século XII, así coma a imaxe procedente do galaico-portugués Cancioneiro da Axuda, século XIII.
Denominación
A raiz pandeir-, aplicada a un instrumento musical, así coma outras formas derivadas dela (pandeiro, pandeira e pandeireta) pode moi ben ter unha orixe hispana aínda que pand- é ó tempo unha raiz latina que está relacionada con curvo, redondo. Esta afirmación básase en que, aínda que o instrumento existe noutras zonas do mundo, toma esta denominación só na península ibérica. A excepción estaría nas formas marrocanas ou alxerinas bandáir, bendir e bandayir pero pódese demostrar que todas éstas son hispanismos. No resto de Europa, para referirse a esta clase de instrumentos, úsanse outro tipo de denominacións, as máis delas derivadas de tamb- coma tambourin en francés, tamborino (tamén tamburello) en italiano, tamburin en inglés e tambourine en alemán.
No resto de España chámase pandero redondo ou simplemente pandero, en masculino, onde se atopa tamén en fase de desaparición aínda que, igual que en Galicia, gozou dun explendor grande e aínda persiste en reducidas zonas. A aparición da variante galega do nome, en femenino, é posterior á masculina pandeiro (que tamén se lle aplicou en Galicia á pandeira en certas etapas), debe ser consecuencia de que dende hai varios séculos a denominación masculina foi adoptada tamén para a tipoloxía cuadrada (que foi, e debía ser propiamente, adufe), creándose tal vez unha certa confusión de denominacións e instrumentos. A popularización da pandeireta debeu animar a construir a nova derivación en Galicia e zonas limítrofes, coma o Antigo Reino de León e Asturias.
O instrumento
O instrumento é sinxelo; consiste nun bastidor circular de 40 a 50 cms. de diámetro, con ou sen ferreñas (en Donís dise cernellas), que ten unha pel de ovella ou cabrito montada nel; de feitura semellante ós cribos ou peneiras. Témola rexistrada con variadas tipoloxías.
- Sen ferreñas. Moi rara aínda que descrita por algún informante que a lembra de hai catro ou cinco décadas. Sen dúbida trátase do "abano", un útil que se usaba antigamente para separa-las impurezas da gra e que, ocasionalmente podía utilizarse para acompañar un canto (técnica arcaica a dúas mans). As "pandeiras" sen ferreñas foron mitificadas en Galicia dende os anos ´70. Sen traballos de campo que apoiaran a mitificación, tratábase de burdas copias do bodhrán irlandés, con chinchetas que soportaban o parche ou, mesmo, con cordaxe para esa función. A consecuencia lamentable é que estas falsas pandeiras aínda se ven en tendas de música e aparecen en edicións de baixa categoría.
- Con cinco pares de ferreñas dispostos nunha única rea ou fieira (– – – ).
- Con cinco ou seis pares duplos de ferreñas (dúas reas), onde estes pares se dispoñen emparellados (= = = ).
- Con pares de ferreñas en número irregular dispostos en dúas reas pero desemparellados ou alternados (– _ – ).
Para ilustra-la pandeira, en desuso, é necesaria a referencia da pandeireta, cuia voz debeuse xeneralizar cara a mediados do século XVIII. Ten a mesma morfoloxía que a pandeira pero de menores dimensións e que xa se coñecía en España dende época renacentista co nome de panderete, panderillo e pandero pequeño.
Moitas veces podemos te-la dúbida de se un instrumento é unha pandeira pequena ou unha pandeireta grande, pola cantidade de tamaños intermedios que se poden ver. Ante esto, dicir que a diferencia que hai entre os dous instrumentos vai máis alá do tamaño; o que os separa realmente é o xeito de tocar. Na pandeira tócase co instrumento inmóvil, desplazando a man para golpear, no que se pode denominar xeito vello, pero coa pandeireta o que se desplaza é o instrumento para que golpee na man, no que, igualmente, podemos denominar xeito novo.
Xeito de tocar
A técnica de interpretación antiga, o xeito vello, orixinariamente era coas dúas mans. A esquerda, que terma do instrumento e ó mesmo tempo da cos dedos, e a dereita, que golpea libremente. Nun paso evolutivo posterior a man esquerda quedou coa única función de termar da pandeira, facéndose coa dereita tódolos golpes. Destas dúas maneiras é como se toca en Cervantes, existindo algunhas variantes, as veces vinculadas a seus xéneros, entre as que están os xeitos de dúas mans, so coa man dereita aberta, só coa man dereita pechada (debuxo 1), tocar coa mán dereita aberta tamén pero apoiándose so un pouco na esquerda, que so teño visto a Aurelia Gómez, de Moreira (debuxo 2) e tocar á mao solta.
A pandeira en Donís
Son moitas as historias que se poden contar da pandeira en Donís pois, aínda que hoxe pasa algo desapercibida, é un instrumento con moito arraigo e unha presencia intensa na súa tradición musical. As bodas eran unhas ocasións especiais para cantar e bailar ó son dela, igual que outras moitas veces nas que se xuntaba a moita mocedade que houbo nos pobos nos anos ´40 para divertirse nas polavilas, fiadas, magostos ou calquera día que se ordenaba.
A pandeira é un instrumento que, dende que existe, en tódolos sitios se toca cantando e marcando unha pauta para bailar. Ésto xa era así nos pobos de oriente hai milleiros de anos e, como estamos comentando, tamén o é na parroquia de Donís (Moreira, Piornedo, Donís), en Cervantes en xeral, e noutros pobos do entorno da serra de Os Ancares como Suárbol e Balouta de Candín (León), Murias de Rao e Coro de Navia de Suarna (Lugo). Os xéneros musicais típicos son a moliñeira (maneira de dicir muiñeira na zona), a jota e os agarrados entre os que están o pasodoble, o valse e algún outro de carácter máis local coma o balán tan tan (tamén tarán tan tan, especie de rumba dos pobos da parroquia de Donís).
Cousas relacionadas
Tocadora
de pandeira, artigo neste sitio web sobre Aurora López, de Veiga de Brañas
On
Spanish, Galician and Portuguese frame drums, colaboración con Peyman Nasehpour
I Festa
da Pandeira, artigo neste sitio web sobre ese acontecimento en Piornedo
II Festa
da Pandeira, artigo neste sitio web sobre ese acontecimento en Piornedo
Tenda de pandeiras, pandeiras de artesanía
Juanjo Fernández Lugo, (3/4/01)
(Actualizado 6/12/04)