As tarrañolas
As tarrañolas son outro dos instrumentos que sempre pasou desapercibido para os colectores clásicos, tal vez porque era máis un xogo de rapaces que outra cousa, porque non aparecía nas grandes manifestacións musicais, porque era un instrumento "menor". Para a máis parte de nós apareceu nos anos 80, cando se buscaban no país semellanzas cos instrumentos e as tradicións musicais dos países do entorno europeo, nos que as tarrañolas foron, digamos, recuperadas con anterioridade.
Un pequeno repaso polo ámbito xeográfico e cronolóxico que abranguen as tarrañolas sitúanolas en culturas tan lonxanas e antigas coma a exipcia, o que quere dicir que teñen unha historia de varios milleiros de anos. Atendendo á súa simpleza é algo que resulta lóxico. Na imaxe das tarrañolas exipcias que amosamos (é se supoñer que non todas serían así), veise que, naquel tempo, había quen se tomaba moitas molestias para fabricalas, polo que debían ter unha certa importancia coma instrumento musical. É de supoñer que éstas non sería as trarrañolas de madeira silvestre coas que xogaría un rapaz na beira do Nilo, máis ben as de algún notable que sería enterrado con elas. Segundo parece, as tarrañolas tamén eran tocadas polos gregos e polos hebreos.
A súa presencia en Galicia, e na península, remóntase como mínimo á idade media e as atopamos representadas nas dúas grandes fontes de imaxes de instrumentos medievais: o Cancioneiro da Ajuda e as Cántigas de Santa María. Tamén as atopamos no pórtico da eirexa de Santa María de la Oliva, Villaviciosa (Asturias), igualmente do século XIII.
En España recibe o nome xenérico de tejoletas. Tense especulado sobre a etimoloxía desta denominación con dúas teorías que parten da raíz tej-, procedente por unha parte de teja (tella) e por outra tejo (teixo). En Galicia difundíuse hai un par de décadas coma tarrañolas e debía ser moi común en diversas zonas como a comarca de Santiago, a montaña de Lugo, etc., baixo a denominación xa citada de tarrañolas pero tamén trécolas ou castañolas. Tratábase, coma en moitos outros sitios, dunha especie de xogo de rapaces que podía tomar algo máis de importancia nalgúns casos nos que o rapaz acadara un certo dominio.
Este tipo de instrumentos idiófonos tocábase na antiga tradición a pares, é dicir, cada man porta un par delas, igual que ocurre coas castañolas aínda que, na actualidade, este costume estea perdido no caso das tarrañolas. Se os concertos didácticos que realiza o dúo Salmantino Mayalde están ben documentados, en Salamanca era común, hai poucos anos, que se tocara desta maneira antiga a dúas mans, con pedras de formas adecuadas ou pedazos de lousa. En andalucía tamén eran e son coñecidas e, con elas, acompáñanse moi ben xéneros coma as Sevillanas.
En certa ocasión a miña nai, que pasou a súa crianza en Guadalajara, sorprendeume collendo as miñas tarrañolas e dando uns toques con destreza, confirmándome que era unha cousa corrente alí, en Utande, onde os rapaces usaban pedras do río. No país vasco son tamén reivindicadas coma imstrumento tradicional e a xente nova chámalle triquiñuelas, ignoramos si ésa é a denominación vasca antiga. Instrumentos semellantes pódense atopar en diversos lugares do mundo, por exemplo en Perú os denominados palillos.
Segundo Fernando Ortiz, musicólogo cubano, as tarrañolas deron orixe á clave cubana (paos redondos cos que se acompañan a máis parte das melodías do que en España chamamos xenéricamente salsa), a cal se tocaba na illa xa nos séculos XVI e XVII. Apunta Ortiz que as tejoletas servían ós presos da Habana para acompaña-las súas cántigas, que na técnica de interpretación constátase unha caixa de resonancia formada pola man e que a sustitución dos fráxiles pedazos de barro orixinarios por madeira máis resistente foi algo evidente.
As tejoletas atópanse na literatura española e, como non, na obra de Cervantes. En Rinconete y Cortadillo pódese ler: “Monipodio rompió un plato e hizo dos tejoletas, que, puestas entre los dedos y repicadas con gran ligereza, llevaba el contrapunto al chapín y a la escoba.” Un pouco máis adiante: “Oyéronlos los de dentro, y alborotáronse todos de manera que la Cariharta y la Escalanta se calzaron sus chapines al revés, dejó la escoba la Gananciosa, Monipodio sus tejoletas, y quedó en turbado silencio toda la música ...”
En Bélxica é tamén un instrumento reivindicado polos grupos de recuperación folclórica. Hai anos, o artesán e músico Herman Dewit, regaloume unhas tarrañolas típicas flamencas, que se tocan con algunha pequena diferencia con respecto a Galicia. Como se aprecia na foto, trátase dunhas táboas lisas cun rebaixe na zona na que percuten unha contra outra.
O mellor tocador que atopei é Antonio Cuntín “Totín”, que vive en Redondela e aprendeu de neno por dous irmáns que viñeron da zona de Santiago. Ensináronlle a tocar e dende aquela non abandonou nunca a práctica, utilizando as tarrañolas nos grupos nos que ten cantado como a Coral de Redondela. Tamén en ocasións menos serias, como cando cantaba cos amigos nas tabernas. Significativo é que Totín lle chama en galego carrañolas aínda que, cando fala castelán, di castañuelas.
O instrumento consiste en dúas taboiñas de madeira dunhas dimensións de 20 x 4 x 0,6 cms aproximadamente. As madeiras poden ser moi variadas aínda que son preferibles as madeiras duras e pesadas, que son as que máis intensidade de son dan. Cando nos anos 80 se difundiron veíanse uns diseños moi curiosos, cunhas ozcas para os dedos. Nas tendas vense con formas aínda máis curiosas. Por contra, as que se usaban na tradición oral eran totalmente lisas e as facían os propios tocadores con pedazos de madeira sacada de calquera sitio (ver as do principio de Totín).
Para toca-las tarrañolas é preciso colocalas ben. A manera máis común é a que aparece na foto de Totín de máis arriba e a que figura á dereita, un pouco máis abaixo deste párrafo. Observemos que a tarrañola “a” fíxase á man por medio da presión que realiza o dedo corazón, que no toque permanece inmóvil. Por contra, a tarrañola “b” fica moi pouco presionada, termada mínimamente co dedo anular, sendo a tarrañola que se move.
De todas maneiras, cando coñecín ó belga Herman Dewit decidín colle-las como el, á maneira de Flandes. Ó haber unha maior distancia entre as tarrañolas acádase maior intensidade no toque. Mesmo, penso que se controlan mellor pero é unha opinión persoal.
Por ser ésta unha maneira especial, as explicacións están feitas dende a posición clásica pero o resultado é exactamente o mesmo. Unha práctica moi común cando se tocan as tarrañolas é axustar unha contra outra nos intervalos ou cando se escomenza tocar; axuda a que fiquen mellor situadas e produzan mellor son.
A técnica de tocar é sinxela pero tárdase un tempo en colle-lo xeito apropiado. Ésto é porque se debe trazar un arco no aire moi preciso, no que interveñen a man e o antebrazo. De ningunha outra maneira se acadan os tresillos característicos, que son a base do toque das tarrañolas. Repito ésto porque é moi importante comprender que os toques non son producto do xiro da man sobre o eixo do antebrazo (como quen abre unha porta, por exemplo), senón que no mencionado xiro intervén tamén o antebrazo, obsérvese nas fotografías. Utilizo a denominación “tresillo” para simplificar “grupo de tres notas” pero, como se sabe, na Muiñeira non serían tresillos aínda que si en calquera outra métrica binaria na que se queira meter.
No curso da realización do arco pódense extraer catro instantáneas que axundan a comprende-los tres golpes resultantes, que conforman o denominado tresillo.

Catro instantaneas dun ciclo completo no movemento das tarrañolas
1- A man acada o extremo esquerdo do arco e realiza un punto de inflexión. A inercia acumulada pola tarrañola “b”, no percorrido da man, fai que pete con forza na tarrañola “a”. É o golpe que produce o acento musical e o que coincide co pulso das melodías, onde se producen as paradas e os inicios.
2- No retorno da man, a tarrañola “a” golpea na tarrañola “b” que tarda en reaccionar ó movemento xiratorio porque non está fixa.
3- Complétase o arco e se realiza o segundo punto de inflexión. A tarrañola “b”, cargada de inercia, e de novo con retraso, está a punto de golpear na tarrañola “a”.
4- O terceiro golpe prodúcese xusto a continuación, cando a man escomenza traza-lo arco de retorno, polo retraso mencionado co que reacciona a tarrañola “b”.
Con este tresillo só se pode realiza-lo seis por oito da Muiñeira e algunha outra métrica binaria na que se queiran forza-los tresillos. Pero, como comentaba iñantes, ésta é a base do toque das tarrañolas; falta o redoble que é o que lle da unhas prestacións moito máis amplas nas diversas métricas. O redoble realízase exactamente igual pero doblando a velocidade de trazado do arco. Desta maneira pódense realizar redobles de variadas duracións.
O redoble máis corto é o que equivale en tempo a un dos tresillos descritos, de maneira que, si un tresillo se realiza nun ciclo completo (ida e volta), un redoble de duración de tresillo precisa dous ciclos. Un redoble de dous tresillos precisa catro ciclos, etc. O redoble pódese prolongar tanto como se queira aínda que, canto máis se prolonga, moito máis difícil resulta realizar unha medida correcta.
Juanjo Fernández Lugo, 29/7/03
(actualizado 25/6/05)

Antonio Cuntín " Totín"

Tres pares de tarrañolas de Totín

Tarrañolas procedentes do antigo Exipto

Imaxe do Cancioneiro da Axuda, s. XIII

Imaxe da cántiga 330, s. XIII

Detalle do pórtico de Santa María de la Oliva, Villaviciosa
(Asturias), s. XIII

Tarrañolas feitas por Herman Dewit en madeira de pereira

Tarrañolas feitas por Roberto
López en madeira de teixo

Xeito máis popular de collelas

Outra maneira

Axustado das tarrañolas, tarefa constante