A trompa
Denominacións e presencia no mundo
Moi pouca xente sabía hai poucos anos que en A Fonsagrada, Navia de Suarna, e resto da zona galego-asturiana na que se toca este instrumento, que o seu nome propio é trompa, utilizando, mesmo ó recoller nos pobos, o máis extendido de birimbao. Pero ésta é unha denominación onomatopeica portuguesa (de orixe africana) que se introduciu no léxico español dende antigo, existindo outro instrumento chamado así en Brasil, que produce un son semellante. Tamén se coñece en castelán coma guimbarda pero, nesta ocasión, está tomado do francés. Outra denominación española é arpa de boca.
O portugués Ernesto Veiga de Oliveira, cando fala dos berimbaus, dalles unha procedencia extranxeira a certos exemplares que se venden nas cidades pero di que nas feiras véndense outros, feitos polos ambulantes, que son mercados normalmente polos pastores. En Bélxica, na lingua flamenca, dise mondtromp, é dicir, trompa de boca, unha denominación moi relacionada coa galega. Famosos son os debuxos do pintor costumbrista belga Brueghel o vello, nos que a trompa ocupa un importante papel.
Temos referencias tamén da trompa en Hungría e Austria. En Hungría denomínase Dorombér csinyának (trompa xitana) e pasa por ser un instrumento propio de rapaces aínda que hai referencias dun uso máis adulto durante o século XIX. En Austria tivo un uso moi intenso durante o século XVIII chegando o compositor Johann Georg Albrechtsberger a escribir concertos para trompa ó redor de 1.770.
No interesante "Diccionario de Instrumentos musicales" de Ramón Andrés, onde está clasificada coma birimbao, aparecen moitas outras denominacións pero a de trompa de París non semella ter unha explicación clara. Apórtanse varias citas literarias nas que se deixa entrever que a dita trompa de París ten un son confundible cos instrumentos da familia da trompeta, o que resulta extraño posto que a trompa é un instrumento de percusión de son metálico, comparable a un muelle ou resorte, detalle que debeu pasar inadvertido para o prestixioso escritor e musicólogo.
A trompa é un instrumento de percusión idiófono moi antigo que se pode atopar en Europa, Asia, África e América, continente éste onde chegou da man dos emigrantes europeos. Segundo parece, procede de Asia, sendo o sudoeste asiático a zona que figura nos estudios como máis activa e especúlase coa posibilidade de que foran os románs os que a importarían dos seus dominios neste continente. Debido ó uso histórico que tivo a trompa na Bélxica flamenca e á vinculación de España con Flandes durante unha etapa da historia, é de supoñer que o costume de tocala se vería reforzado polos contactos con aquela zona.
En Arxentina atópase presente adoptada, por un lado, pola poboación mapuche e outros grupos indíxenas do Chaco e, por outro, pola poboación criolla do departamento de Valle Grande na provincia de Jujuy. Nos grupos aborixes do Chaco tocana individuos de ambos sexos e no ámbito criollo de Jujuy son, maiormente, as mulleres as que a tocan coma un xeito de distracción. En conxunto denomínase de varias maneiras entre as que están trompa, trompe e trompo.
A trompa en Galicia
Suponse que algún día debía ter arraigo en máis zonas de Galicia pero, mentres non se descubra algo máis, témo-los únicos pero valiosos datos de que se toca tan só na Montaña de Lugo, concretamente nos concellos de A Fonsagrada e Navia de Suarna. Tamén nos arredores de Curtis e, segundo “Os instrumentos da música popular” de Ana Sánchez e Enrique Montero, en Arca, concello de O pino (A Coruña).
En A Fonsagrada, a zona onde mellor se conservou, hai maiores nos lugares de Pacios de Mourisco e Ferreiros, parroquia de S. Pedro do Río, por exemplo, que lembran que ós da anterior xeneración a tocaban. Na memoria persisten as ocasións nas que se facían bailes ó son da trompa aínda que non fóra algo moi común, debido a que outros instrumentos coma a gaita ou o violín eran máis usuais.
Na actualidade, casi todo o que queda na rodeada, procede de Queixoiro, parroquia de A Bastida. Alí, na casa do actual artesán Otilio Álvarez, nos anos 40 do pasado século, atoparon unha trompa vella e decidiron facer unha nova, aproveitando que na familia eran ferreiros. Quedoulles ben e fixeron máis e máis, extendéndose entre os mozos da zona. Na actualidade o mellor tocador é Cesar Fernández, de Queixoiro, que mantén a habilidade dende a época en que se recuperou no seu pobo. Pero, segundo consideramos, o que mellor sonoridade lle da é o propio Otilio Álvarez, que acada un volumen e claridade máis que aceptable aínda que nunca se especializou na articulación das notas.
Cabe destacar ó trompista Herminio Villaverde, do lugar de Fonfría na mesma parrquia de A Bastida, que se destacou como intérprete de trompa durante varias décadas.
A trompa en Asturias
Segundo se cita en “Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana” de Eugenio M. Zamora, en varios concellos occidentais de Asturias coma Tineo, Taramundi ou Santalla de Oscos, tamén ten moita tradición aínda que unha boa parte das explicacións da difusión Asturiana intentan eludir unha orixe galega, cuio parentesco resulta evidente. A nosa opinión é a mesma que noutras tradicións compartidas entre un e outro lado da raia: a demarcación política é anecdótica e as dúas partes forman unha única entidade cultural ó mesmo nivel que outras dentro dos territorios de Galicia ou Asturias.
O instrumento
Consiste nun armazón formado por unha barra de ferro, doblada con forma ovalada, cuias puntas, en vez de xuntarense para completa-lo óvalo, prolónganse en paralelo formando un mástil por onde discorre a lingüeta, no seu movimento vibratorio. A lingüeta non está fundida no armazón, vai insertada nel por medio dunha pequena cuña que permite cambiala cando se queira. A lingüeta é a gracia da trompa (tal vez por esa razón tamén é chamada palleta), debe estar ben templada para que teña unha consistencia aceirada e vibre sonoramente. Para a súa fabricación precísase un dominio do ferro, razón pola que antigamente era máis propio das zonas ricas neste tipo de industria, como a zona entre Galicia e Asturias que comprende os concellos de A Fonsagrada, Navia de Suarna, Taramundi, etc.
Outra circunstancia importante na sonoridade é que o espacio entre os extremos alargados do armazón, polo que discurre a lingüeta no seu movimento vibratorio, estea moi axustado á ela; como non debe rozar en absoluto esto fai da fabricación da trompa algo dificultoso, para o que se precisa moita paciencia e habilidade.
A lingüeta, no extremo, leva unha doblez a 90 graos para que se poida maneixar cómodamente co dedo índice. Para protexer esta doblez, na fabricación da trompa resulta imprescindible facer tamén o soporte de madeira que sirve para que se poida gardar de forma segura. Escóllese unha madeira blanda que facilite a talla e realízase a navalla.
En tendas de música pódense mercar determinadas trompas. Interesa mirar un pouco posto que algunhas están faltas de calidade e difícilmente corresponderán coa tipoloxía galega.
Xeito de tocar
A trompa é un instrumento que usa os armónicos para confecciona-las melodías. As notas acádanse situando a cavidade bucal en diferentes posicións que extraen o maior volumen posible do armónico que interesa.
Para toca-la trompa hai que colle-lo armazón coa man de xeito semellante a como amosa a foto de máis abaixo e situa-los dentes no lugar dos alargamentos paralelos que sinalan as flechas do debuxo da dereita. Interesa tapar cos labios todo o que se poida; trátase de que a saída do son pase só polo espacio de vibración da lingüeta. Un pequeno fluxo de aire de entrada ou saída amplifica considerablemente as notas.
Co dedo índice púlsase a lingüeta (palleta na fala dos tocadores) a impulsos que se corresponden coas notas da melodía que se quere realizar. Estes impulsos fanse oprimindo o extremo da lingüeta en dirección á cara e soltando de golpe o que, evidentemente, produce a súa vibración. Cando se trata de negras ou corcheas non demasiado rápidas resulta doado interpretar melodías pero cando ten ten valores pequenos (corcheas máis rápidas, semicorcheas, etc.), hai que subdividir invirtindo o fluxo de aire. Desta maneira, catro corcheas de jota, por exemplo, faríanse dando un primeiro impulso para a primeira, un cambio do fluxo para a segunda, outro implulso para a terceira e outro cambio de fluxo para a cuarta.
Exemplos
Poñemos aquí un par de exemplos de cómo se tocarían muiñeira e jota coa finaidade de ve-la relación entre as notas da melodía, os toques que hai que realizar do dedo e os cambios de fluxo de aire. Os impulsos co dedo na lingüeta están representados polos puntos que están debaixo das notas. As notas que non teñen o puntiño realízanse so cun cambio do fluxo de aire.
- Muiñeira:

-Jota:

A estas alturas do artigo é de supoñer que xa se visitou a páxina de Herminio, na que hai arquivos de audio que axudarán a tomar pezas de repertorio e comprender moito mellor a interpretación deste instrumento. Por si acaso vai indicada outra vez a páxina en "Cousas relacionadas". En calquera dos casos, despois dalgún tempo practicando coa trompa pensamos que xa podemos ofrecer algunhas interpretacións con calidade aceptable, que ilustren as enormes posibilidades deste instrumento.
Jota do Vilarón
Estróupeles-tróupele
Muiñeira de Pontesampaio
Cousas relacionadas
Herminio Villaverde (artigo neste mesmo sitio web)
Bibliografía
Título: De Mondtromp
Autor: Hubert Boone
Editorial: La renaissance du Libre, Brussel
Data: 1.986
Título: Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana
Autor: Eugenio M. Zamora
Editorial: Eugenio M. Zamora, Asturias
Data: 1.989
Título: Diccionario de Instrumentos Musicales
Autor: Ramón Andrés
Editorial: Vox, Barcelona
Data: 1.995
Título: La Trompa en Asturias
Autor: José Luis Pérez de Castro
Editorial: Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, Tomo XV, Cuaderno 1-2
Data: 1.959
Título: Os Instrumentos da Música Popular
Autor: Ana Sánchez e Enrique Montero
Editorial: Ir Indo, Vigo
Data: 1.992
Título: Folk Music, hungarian musical idiom
Autor: Bálint Sárosi
Editorial: Corvina, Budapest
Data: 1.986
Título: Hungarian folk songs and folk instruments
Autor: János Manga
Editorial: Corvina, Budapest
Data: 1.988
Título: Instrumentos Musicales Etnográficos y Folklóricos de la Argentina (CD)
Autor: Instituto Nacional de Musicología “Carlos Vega”
Editorial: Instituto Nacional de Musicología “Carlos Vega”,
Bs. As. (Argentina)
Data: 1.999
Juanjo Fernández Lugo, 17/10/02
(actualizado 30/9/07)

Trompa fabricada por Otilio Álvarez

Vendedor de redes, trompas e flautas. Pieter Brueghel, s. XVI

Trompista húngaro

Trompista criollo de Valle Grande, Jujuy (Arxentina). Fot. Hector Luís
Goyena

Trompa de perfil

César en A Tumbiadoira,
Navia de Suarna, 1.999

Soporte de madeira para trompa

Lugar onde se deben apoia-los dentes

Xeito de tocar