Cabecera

A percusión
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 


Tímpano de S. Miguel do Monte, Chantada (Lugo). Fot. Juanjo Fdez ´03


Emérita Monteagudo. Fot. J. Fdez. ´02


Concha Luis. Fot. J. Fdez. ´04


Maruja Grande. Fot. J. Fdez. ´01


Concha Rodríguez. Fot. J. Fdez. ´01


Santiago García. Fot. J. Fdez. ´02


Alicia Ramos. Fot. J. Fdez. ´01


Procesión con pandeiros en Berzocana. Fot. J. Fdez. ´02


Amelia Fonseca. Fot. J. Fdez. ´02

Toque de volta de jota en Soutomaior: debuxo rítmico

Toque de muiñeira en Porto: debuxo rítmico e as dúas posicións da man dereita

Toque de Monsanto: as dúas posicións da man dereita

Castellano
English

O pandeiro

Denominación

A etimoloxía de pandeiro (pandero en castelán) semella estar na raíz latina pand-, que significa curvo, redondeado, é dicir, a denominación orixinaria dunha tipoloxía circular. Pand- estaba xa presente no grego e tal vez formara parte do tronco lingüístico indoeuropeo pero a formación deste vocablo ocurre en España, seguramente en época tardorromana. Esta afirmación se xustifica con que durante o imperio o instrumento redondo chamábase tympano e con que só en España existen nomes de percusións que utilicen esa raíz, sendo panderete a primeira cita literaria que coñecemos, procedente de El libro del buen amor, s. XIV. Dende o español derivaría máis tarde na forma arabizada bendir, instrumento marrocano afín.

A explicación de porqué a denominación dun instrumento redondo pasou a un instrumento cuadrado, ten sentido só en Galicia e outras zonas peninsulares onde tamén se toca, porque no resto da península un pandeiro (pandero en castelán) é un instrumento redondo. Por esta razón, os musicólogos acuden a precisar "pandeiro cuadrado" ou "pandeiro redondo" segundo o caso. A denominación anterior era adufe que, curiosamente, tamén denominaba indistintamente instrumentos cuadrados e redondos pero arrastraba unha identificación coa cultura morisca polo que foi rexeitada en favor de pandeiro apartir de 1.492.

Nas zonas de cohabitación das tipoloxías cuadrada e redonda, como Galicia, xenéranse por necesidade unha nova denominación en femenino. Por esta razón en Galicia non é necesario dicir "cuadrado" ou "redondo", "pandeiro" designa inequívocamente un instrumento cuadrado e "pandeira" un circular. Con posterioridade aparece "pandeireta" para denominar un instrumento circular tamén pero máis pequeno.

Lembrémo-la relatividade coa que hai que trata-los asuntos musicais tradicionais nos riquísimos mosaicos culturais galego e español, sempre ha de haber excepcións, matices.

Historia

Como se está a ver, as tipoloxías cuadrada e redonda teñen acadado a mesma denominación con frecuencia ó longo da historia, resultando difícil entresaca-lo que corresponde a unha ou a outra nas referencias textuais, sen iconografías coas que se poidan contrastar pero hai fontes que aseguran que as tipoloxías cuadradas foron tocadas dende hai máis de 4.000 anos en determinadas civilizacións ou culturas da ribeira oriental do mediterraneo e o oriente medio como Mesopotamia, Exipto, Persia e Grecia. Tamén se lle atribue unha presencia en Roma, tal vez debido a que era a metrópole dun vasto imperio que durante certa etapa incluía á casi totalidade das culturas citadas.

Está considerado que a España chega cos árabes e, con eles tamén, a súa denominación propia adufe, nome co que foi coñecido en época medieval en Galicia. Na actualidade, é así como se lle chama na ampla zona portuguesa entre Guarda e o Baixo Alentexo. Procede da voz árabe duff e, relacionadas con ela, pódense rexistrar outras denominacións no resto do mundo como a tamén árabe daff, a turca deff e a hebrea toph.

O pandeiro en Galicia

Pola súa forma cuadrada, o pandeiro é o instrumento de percusión máis característico de Galicia. Tócase en Galicia, si, pero unha búsqueda no tempo e no espacio denotan que o seu uso está magnificado, resultando imposible atopar rastros del nunha importante zona como é por exemplo a provincia de A Coruña. A súa zona histórica está situada nas franxas oriental e sur do territorio autonómico, que comprende parte das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

A realidade actual é que só uns poucos lugares, en parte limítrofes coas provincias de León, Zamora e Portugal, salpican esta zona histórica facendo do pandeiro galego un dos instrumentos máis susceptibles de desaparecer en breve.

Existe moi pouca iconografía histórica do pandeiro en Galicia. A máis destacable é a que se atopa nun tímpano da capela de San Miguel do Monte, no concello de Chantada (Lugo), que data do s. XII. Supón unha das primeiras representacións do pandeiro en Europa polo que ten un valor importante. Si podemos atopar un bon número delas repartido no resto da península pero cunha concentración maior no cuadrante noroeste, confirmando que foi nos reinos cristiáns medievais onde máis se desenvolveu a tradición de tocalo.

- Quireza

Na actualidade, unha das localidades galegas con tradición de pandeiro é Quireza, cabeza parroquial do mesmo nome, no concello de Cerdedo (Pontevedra). Unha das tocadoras que hai alí é Emérita Monteagudo, nacida no ´17, que tocou o pandeiro dende nova aprendendo dos membros máis maiores da súa familia, en especial dunhas tías e un dos seus abós quen, mesmo, facía os pandeiros. Os xéneros típicos eran a muiñeira e a jota. Interesante é comentar que o pandeiro tocaba normalmente rodeado de pandeiretas, cousa que se repite con frecuencia no resto das zonas galegas.

- O Canizo

Outro lugar onde aínda está viva a tradición do pandeiro é A Gudiña, en Ourense. Alí, en O Canizo, toca o pandeiro Concha Luís, nacida no ano ´20. Aprendeuno da súa mai, quen fora gravada por Lomax no ano ´50. Naquela época xa estaba algo esquecido e, de feito, tiveron que ir buscar un pandeiro pola zona posto que en O Canizo non había. Esto fai que o toque de pandeiro de Concha teña un valor especial ó se-la derradeira persoa da rodeada que pode aportar algo sobre do instrumento. Os xéneros típicos son tamén a muiñeira e a jota máis algún outro de carácter máis local como o que ela denomina as pombiñas. Concha conserva intactas moitas cualidades para esbozar diversos toques, coñecendo, aparte das que interpreta co pandeiro, moitas outras melodías interesantísimas, que fan dela unha informante especialmente valiosa.

- Cortellas

Pero a tocadora galega máis recoñecida é Maruja Grande, nacida no ´31 no barrio de Cortellas, Soutomaior (Pontevedra) onde vive. Maruja tamén aprendeu de nena das mulleres dunha casa veciña, de onde procede tamén o pandeiro co que toca na actualidade, que ten unha antigüedade de 100 anos aproximadamente. Como é habitual en tódolos lugares do pandeiro, os xéneros eran a muiñeira (ribeirana en Soutomaior), a jota e os agarrados (pasodoble, valse, etc.).

O instrumento, igual que no resto da península, consiste nun bastidor cuadrado envolto cunha pel de animal cosida posteriormente polos tres lados abertos. Ésto quere dicir que, en realidade, é un so parche que abrangue as dúas caras. Detalles importantes na tipoloxía son as cordas interiores que acadan diferentes denominacións (guitarras, guitas) e que soan por contacto cos golpes no coiro. Cómo non os axóuxeres ou arxóuselas (arouxos en Soutomaior) que leva no interior. Destaquemos tamén o vestido que normalmente oculta o cosido da pel e o diferente biselado das aristas do bastidor, que pode variar dende unhas aristas vivas a un perfil de media cana dependendo das diferentes zonas.

O pandeiro na península ibérica

No resto de España e Portugal o pandeiro tamén ten unha certa presencia. Hai máis lugares pero os que mellor coñecemos son Cangas de Narcea (Asturias), Laciana (León), Peñaparda (Salamanca), Berzocana (Cáceres) e Monsanto (Castelo Branco, Portugal).

- Cangas de Narcea

En Cangas de Narcea hai varios pobos onde se poden atopar tocadoras de pandeiro. Un deles é Trasmonte de Arriba, onde Concepción Rodríguez é unha especialista sen igual. Os xéneros que máis destacan alí son o son d´arriba (especie de jota propia desa zona montañosa asturiana), a jota clásica e os agarrados (como casi sempre o pasodoble e o vals). Destaca tamén o uso do pandeiro para acompañar certos cantos procesionais. Concha ten gravado dous discos xa; un deles en solitario e outro compartido con outras tocadoras da zona (os dous con Tecnosaga, coa intercesión de Chema Fraile). Os folcloristas asturianos tenden a dicir panderu, seguramente tentando rescata-la denominación máis identificativa da rexión aínda que Concha di pandero.

- Laciana

Laciana, ou Chaciana na fala pachueza vernácula, é unha comarca leonesa con capitalidade en Villablino. Alí atopamos ó tocador Santiago García, que ten unha historia familiar ligada ó pandeiro e que tamén os fabrica. O pandeiro pachuezo ten unha certa afinidade co de Cangas debido a que son zonas achegadas e participan dun mesmo tronco astur-leonés. A afinidade maniféstase en moitas características da cultura entre as que está a fala e, como non, a música. Nos xéneros, por exemplo, destaca unha versión do son d´arriba que chaman jota montañesa. Interesante é destaca-la vella tradición das cantadoras da zona de realizaren cantos de boda nos enlaces matrimoniais co acompañamento do pandeiro, que ten moita afinidade cos cantos de boda da comarca tamén leonesa de Ancares e a parroquia cervantina de Donís (Lugo). A denominación que reivindican os folcloristas pachuezos como Santiago é panderu, tamén como búsqueda identificativa, aínda que nos arredores de Villablino dise na actualidade pandero.

- Peñaparda

Peñaparda é unha localidade de Salamanca situada moi perto de Portugal. Aínda así o pandeiro que se toca alí non amosa moito parecido co da terra irmá. A maneira de tocar que teñen é cunha baqueta por un lado e coa man polo outro, constituíndo un xeito moi orixinal que, sen dúbida, ten que ter unha explicación histórica. A tradición de tocar mantense en Peñaparda con moita intensidade, existindo moitas tocadoras de calidade máis unha asociación adicada a el que organiza unha anual e importante Fiesta del pandero cuadrado. Os xéneros que se tocan son os propios de Salamanca, entre os que están o charro, a jota, o fandango e o agechado principalmente. No ano 2.002 fíxose en Peñaparda unha recopilación de temas de pandeiro e gaita e tambor (flauta e tambor) que se suma a anteriores ediciones discográficas deste prestixioso folclore. A denominación moderna que utiliza a mesma asociación antes aludida é pandero cuadrado, tal vez coa idea de que se comprenda a natureza exacta do instrumento no exterior, porque a xente do lugar di simplemente pandero.

- Berzocana

En Berzocana (Cáceres) existe unha modalidade de pandeiro que algún día debía ter máis representación no conxunto de España. É un pandeiro de cerimonias relixiosas, igual que o desaparecido nas comarcas leridanas de Urgel y La Noguera, que se caracteriza por unha profusa ornamentación, un tamaño algo maior que o usual para baile e un uso exclusivamente procesional. Concretamente, tócase na procesión que ten lugar no mes de agosto na honra dos santos San Fulgencio e Santa Florentina, irmaos de San Isidoro de Sevilla. A denominación que recibe alí é pandero.

- Monsanto

Monsanto (Castelo Branco) é unha das localidades de Portugal onde se toca o pandeiro, chamado alí adufe, como xa dixemos ó principio, igual que en toda a zona que hai entre Guarda e o Baixo Alentexo. O uso que permanece en Portugal, en xeneral, está dividido entre o baile e as cerimonias relixiosas igual que en España; tal vez máis equilibradamente repartido, resultando que en casi tódalas localidades nas que se toca hai unha porcentaxe de pezas de cada un destes usos. Malia que o adufe portugués sobrevive da man de grupos folclóricos (Ranchos folclóricos), con diferentes matices pero comparables ós grupos de Coros e Danzas españois, conserva moita fidelidade con respecto a como se tocaba antigamente, existindo ranchos de máis e menos calidade. Seguramente un dos mellores é o grupo de Adufeiras de Monsanto, que dirixe Amelia Fonseca, quen aprendeu da súa mai. A técnica do pandeiro en toda a provincia de Castelo Branco diferénciase da galega en que a man dereita tamén contribue no termado do instrumento, non perdendo o dedo pulgar nunca contacto co marco, pero desplazando levemente a man para matizar algo máis dentro do parche certos golpes nos acentos musicais.

Xeito de tocar

A técnica de interpretación do pandeiro é moi semellante ó vello xeito co que se toca a pandeira. A man esquerda terma do instrumento, cuios dedos dan os golpes febles, e a man dereita leva a iniciativa, golpeando no centro ou no bordo segundo o matiz necesario.

Incluímos aquí a maneira de resumo tres xeitos de tocar que ilustran moi ben o conxunto dos que existen no total da península. A maneira de esbozar cada toque está moi relacionada cos xéneros, de maneira que é habitual que cada xénero teña unha serie de particularidades na posición das mans, no lugar do parche no que se golpea, etc.

- Soutomaior (Pontevedra), toque de jota

A esquina baixa do pandeiro apóiase no abdomen e térmase só coa man esquerda que da golpes con tódolos dedos. A man dereita leva a iniciativa, golpeando arriba pero dando os acentos no medio do parche.

- Porto de Sanabria (Zamora), toque de muiñeira

A esquina baixa do pandeiro apóiase no peito e térmase só coa man esquerda que mantén o dedo índice sempre presionado no parche, golpeando cos outros tres. A man dereita leva a iniciativa marcando un cuatrillo arriba e construíndo o clásico tátara da muiñeira xa abaixo, coa colaboración da esquerda.

- Monsanto, Castelo Branco (Portugal), tódolos xéneros

O pandeiro térmase principalmente coa esquerda, cuio dedo índice está sempre presionado, dando os golpes cos outros tres. O pulgar da dereita contribúe no termado do pandeiro non separándose nunca do bastidor ou marco. Os toques máis frecuentes se realizan moi perto da madeira e os acentos un pouco máis adentro, o que da unha sonoridade máis profunda.

- Coros e Danzas

Esa outra maneira de tocar, colgando o pandeiro do colo, que tanto se ten difundido dentro e fóra de Galicia, non corresponde co que realizan as mulleres do rural. Hai que atribuílo ós grupos de Coros e Danzas de carácter urbán nos que, segundo parece, nunca se tocou compridamente. Dicía Émérita que "eso non é tocar nin é nada". Lamentablemente, en varias fontes pódese ler "pandeiro de peito" con referencia ó pandeiro que se toca en Galicia, o que indica non só un escaso coñecemento do instrumento e a súa tradición senón unha ausencia inexplicable de estudios de campo.

Cousas relacionadas

Moliñeira de Tucende (1,62 Mb)
On Spanish, Galician and Portuguese frame drums
, con Peyman Nasehpour

Juanjo Fernández Lugo, (12/10/02)

(Actualizado 18/6/06)

Ir arriba