
Fresco procedente de Pompeia

San Juan de Amandi, Villaviciosa (Asturias) s. XII. Fot. J. Fdez

Cancioneiro da Ajuda, s. XIII

Aurora de Veiga de Brañas tocando a pandeira, 2.002. Fot. J. Fdez.
Tocadora de pandeira
Aurora López de
Veiga de Brañas, Pedrafita do Cebreiro (Lugo)
A pandeira é un dos instrumentos máis valiosos da tradición musical galega, entre outras cousas porque está en fase de desaparición. Cada vez son menos as tocadoras que se poden atopar; menos aínda as que dominan de verdade o instrumento e os xéneros que con el se interpretaban.
O interese da pandeira está na enorme historia de arraigo popular que ten detrás. É imposible datar no tempo o inicio desta tradición musical, porque non está en absoluto documentado, pero é algo popular dende hai moitos séculos. Sábese que era un instrumento que se tocaba no imperio román e hai iconografías da época que se poden consultar. Sendo Galicia unha rexión intensamente romanizada, a sospeita de que aquela tradición musical latina tivera, dalgunha maneira, continuidade en Galicia aparece casi sen querer. Figuras románicas de tocadoras, como a da eirexa de San Juan de Amandi de Villaviciosa (Asturias), confirman que o costume de toca-la pandeira era algo cotidián en terras asturianas no século XII. No galaico-portugués Cancioneiro da Ajuda, do século XIII, tamén está representada a pandeira co que se manifesta unha xeralización do uso do instrumento no noroeste peninsular na idade media.
A zona galega que mellor conservou ata os nosos días a tradición de toca-la pandeira -non a única- é a zona montañosa da provincia de Lugo que comprende os concellos de Navia de Suarna, Cervantes e Pedrafita do cebreiro. Se retrocedemos dúas ou tres xeneracións a zona amplíase con A Fonsagrada, Baleira, Becerreá e As Nogais, segundo a memoria dos informantes consultados. Todo ésto fala de que a zona da pandeira foise reducindo ás areas montañosas máis altas nas que, como apuntaba Murguía na Historia de Galicia de 1.847, se conservan os rasgos máis arcaicos da cultura.
Hai meses que percorrimos varios pobos de Pedrafita do Cebreiro na busca de cantadoras e tocadoras. Atopamos algunhas moi interesantes pero o instrumento co que se acompañaban era a pandeireta. Primeiro foi María García de Acibo de 66 anos, despois Felicitas Carreira de Rubiais de 87 anos. Á zona correspondíalle a pandeira polo que seguimos buscando. Finalmente, atopamos á señora Aurora López nacida en 1.901 (103 anos a día de hoxe) en Veiga de Brañas, parroquia de Zanfoga, que si tocaba a pandeira.
Esta muller foi, en efecto, unha tocadora de pandeira na súa mocedade e, afortunadamente, demostra boa condición física para esboza-lo toque. Tamén ten memoria abondo para relatar algunhas circunstancias dos bailes que ela coñeceu, así coma os nomes de outras mulleres de Veiga de Brañas, maiores que ela (vinte anos máis de media e falecidas como é de supoñer), que tocaban especialmente ben coma a señora Jesusa Vecín, Francisca “do Lancho” e María “Villafranca”; estamos falando de persoas que naceron ó redor de 1.880.
Existen diferentes técnicas de tocar este tipo de instrumentos de percusión de mao galegos. Básicamente se distinguen o vello xeito, para a pandeira e o pandeiro, e o xeito novo, para a pandeireta. O vello xeito, ou antiga maneira de tocar, é aquela na que as maos golpean no parche, a diferencia do xeito novo no que é o instrumento o que se desplaza para que golpee na mao. Dentro do vello xeito, pensando xa nas técnicas exclusivas da pandeira, se observan o toque a dúas maos, moi arcaico, e a unha mao sola, máis moderno. Os dous pasan por terma-lo instrumento coa mao esquerda, metendo o dedo gordo polo furado que hai no bastidor e pechando o resto dos dedos ata o bordo do parche.
No toque a dúas maos (pose comparable á da figura de Pompeia pola horizontalidade do instrumento), a esquerda contribue nos golpes febles da cadea percusiva ca e a dereita leva a iniciativa facendo os glopes fortes ta. Desta maneira, e co bastidor apoiado algo no abdómen, construíanse os diferentes debuxos rítmicos coma a jota tacataca tá taca tá tá ou a moliñeira tacataca tácata tácata tácata. Todas estas mulleres maiores citadas iñantes sabían tocar a dúas maos, técnica moi difícil de observar xa nas tocadoras que aínda viven.
O toque a unha mao (pose das iconografías de Amandi e Ajuda) é moito máis corrente na actualidade, consiste en facer tódolos golpes coa dereita. Separada a pandeira do corpo, déixase á esquerda a única función de terma-lo instrumento. A dereita realiza os golpes fortes ta coa punta dos catro dedos dianteiros e os febles ca co dedo gordo. Metidos en materia de técnica, temos que falar tamén do toque coa mao solta, curiosa maneira de tocar que estaba reservada á volta da jota, que consistía en golpear co reverso dos dedos inertes da mao dereita. Un subir a baixar enérxico producía os debuxos típicos da volta da jota mentres se cantaba (tacataca tá) ou nas esperas (tacatacatáca tacataca tá).
A filla de Aurora, Olimpia Díaz nacida en 1.946 (68 anos a día de hoxe), tamén sabe toca-la pandeira aínda que non ten a información histórica da súa mai. En Veiga de Brañas conservouse algo máis que no resto do Concello o costume de bailar coa pandeira. Lembremos que Felicitas de Rubiais, nacida en 1.916 (88 anos a día de hoxe), coñecía so a técnica da pandeireta.
Na conservación da tradición da pandeira en Veiga de Brañas contribuiron diversos factores. O principal é, sen dúbida, o de ser un pobo xa grandeto en comparación cos do entorno municipal; unhas vinte casas nos anos 20 proporcionaban unha nutrida poboación xuvenil e unha especie de autosuficiencia en materia festiva. Outros factores están relacionados co feito de ser un pobo de montaña raiano con León, o que quere dicir un considerable distanciamento coa cultura urbana (nos anos 20 había que invertir un mínimo de tres días completos en ir a a Lugo e volver) e tamén, porqué non, a proximidade cos pobos veciños leoneses cos que sempre houbo un certo contacto e nos que, igualmente, se ten conservado o costume da pandeira.
Interesante é destacar que o nome que Aurora lle da ó instrumento é pandeira aínda que a súa filla usa pandereta. Felicitas de Rubiais, na primeira das conversas, xa apuntaba que na súa mocedade (anos ´30) se chamaba pandeira pero ela chamoulle inicialmente pandereta, afeita á maneira de falar de hoxe. Estes detalles sirven para ilustrar cómo a denominación do instrumento cambiou nunha época aproximada á guerra civil española, por poñer unha referencia cronolóxica, quedando na actualidade moi poucas persoas que aínda teñen no seu rexistro léxico habitual a voz pandeira, propia do instrumento.
Aurora relataunos que antes se facían bailes no pobo tódolos sábados e domingos “como se fora unha festa” dixo, buscando unha comparación da dimensión que éstes acadaban. Entre os xéneros que lembra están a moliñeira, a jota e os agarrados (vals, tango e pasodoble). Tamén fala de que moitas veces viñan gaiteiros e, entre eles, o apreciado Follacas do lugar de Mostad (no veciño concello de O Courel) quen, segundo se sabe, tiña unha amante en Veiga de Brañas.
Nos derradeiros anos, Aurora ten sido homenaxeada polo concello merecidamente coma a persoa de máis idade. Casi ninguén pode relatar xa en primeira persoa as cousas que alí pasaban a principios do século XX. Por outro lado é unha muller moi cordial que resposta sen vacilar ó que se lle pregunta. Somos moi afortunados de contar con informantes así.
(Éste traballo foi enviado a O Progreso de Lugo o día 9/5/03 para que se publicara. Podes ve-lo artigo que se publicou finalmente).
Cousas relacionadas
A
pandeira, artigo sobre o instrumento
On
Spanish, Galician and Portuguese frame drums, artigo
en colaboración con Peyman Nasehpour, iraní especialista en percusións
I Festa da Pandeira, artigo neste sitio web sobre ese acontecimento en Piornedo
II Festa da Pandeira, artigo neste sitio web sobre ese acontecimento en Piornedo
Tenda de pandeiras, pandeiras de artesanía
Juanjo Fernández Lugo, 9/5/03
(Actualizado 27/1/05)