A relatividade
Normalmente sentímo-la necesidade de contempla-la tradición dende un punto de vista absoluto. Queremos ver que os feitos nacen nun determinado intre, se desenvolven e, no seu caso, morren. Non sei si se pode relacionar ésto coa necesidade humana de comprender con exactitude o mundo, como unha eterna aspiración oposta á fe ou á conformidade. O caso é que moitas veces asistimos a afirmacións demasiado rotundas sobre do nacemento ou a distribución xeográfica de tal xénero, tal instrumento, tal tradición.
Pode que o caso máis chamativo na historia fora cando o teólogo e arzobispo de Armagh, Irlanda, James Ussher (1581-1656), datou a creación do universo no año 4004 antes de Xesucristo basándose na biblia. Todo malia que, con anterioridade, Leonardo da Vinci (1452-1519), moito máis sensato, logo de analizar unhas rocas do leito do río Po, asegurou que tal composición percisaría un sedimento de alo menos 200.000 anos. Canta paz lle proporcionaría a Ussher aquel cálculo pero qué errado estivo, qué lonxe da realidade. ¿Pagou a pena tal osadía? ¿aportou algo á cultura?
Moi poucos aspectos da tradición se poden contemplar dende un punto de vista absoluto. A tradición galega non é unha, é un conxunto delas, non existe a mesma instrumentación en tódalas comarcas, non se canta igual, non hai as mesmas crenzas. A gaita galega posee unha diversidade enorme en canto á tipoloxía, ó repertorio, ó xeito interpretativo, todo elo mesturado coas diferentes épocas nas que os costumes se instalan, viaxan, se transforman. Só en determinados casos, con documentación fiable, se pode poñer algo de orden en todo ésto.
Fálase da gaita asturiana, da gaita galega, da gaita sanabresa. Na parroquia de Freixo (A Fonsagrada, Lugo) Manuel de Queitano tiña un punteiro asturiano dunha antigüedade de máis de 150 anos co que estivo tocando durante moitísimo tempo. Unha boa parte das gaitas que facía Jaime do Cabo en A Proba de Burón (A Fonsagrada, Lugo) eran copia do modelo de gaita do famoso Firme de Grandas (Asturias). O prestixioso artesán Galfarro de A Pumarega (Vegadeo, Asturias) facía un modelo nada parecido ó modelo convencional que se usa na actualidade en Asturias, moi ó contrario, facía gaitas dos tipos dos famosos Luzán e Marugán (ambos do concello de Riotorto, Lugo) ou do coñecido Muíña do Mazo (Ribeira de Piquín, Lugo). Igual lle pasaba a Cayoco de Paramios (Taramundi, Asturias) que facía un modelo dese mesmo estilo. O tamén prestixioso artesán Pepe Xamposo de Moia (Navia de Suarna, Lugo), aprendera a facer gaitas con Maquilo de Cangas de Narcea (Asturias) e facía un modelo casi igual que el. Manuela, unha das fillas do “Ti Gaiterín” de Pedralba de la Pradería (Zamora), famoso gaiteiro e artesán sanabrés, comentaba que o seu pai tomou o modelo dunha gaita dun veciño pobo ourensán. Moitos gaiteiros sanabreses mercaban gaitas en Galicia. Moitos gaiteiros portugueses mercaban gaitas en Sanabria, en Galicia. Os gaiteiros de Fornela (León) mercaban gaitas de Asturias, de Galicia. Moitos gaiteiros galegos mercaban gaitas en Asturias, moitos asturianos en Galicia.
De maneira que é aconsellable poñer nome ás cousas, si, pero tamén apelidos.
Juanjo Fernández Lugo, 16/11/04