Medios de comunicación
Non é a primeira vez que falamos da presencia
da música tradicional galega
A xente que xa ten unha idea formada sobre da música galega utiliza o seu propio criterio para analiza-la veracidade da información musical que recibe pero non é o caso do espectador medio. Éste tende a darlle unha certa credibilidade ó que aparece na televisión, na radio. Desta maneira, estáselle forzando en certo modo a que identifique cada vez máis coma galegos os sones que acompañan ós programas, incluído-los anuncios.
Esta vez non a tomaremos co "Luar" nin co seu presentador, un gran tipo pero que, no seu afán conciliador de masas, mete vellos músicos de aldea e bandas de gaitas proescocesas no mesmo saco tradicional. Tampouco con "Galicia Enteira" nin co seu director, de discurso de diccionario de bolsillo, militante da causa escocesa e cuio beneficio inmediato é a cantidade de minutos de programa fácil que lle proporcionan as concentracións de bandas.
Resulta difícilmente explicable o feito de que rara vez que sae algún tema relacionado con Galicia estea acompañado por unha música realmente galega. A tónica xeral é unha música de fusión que está de moda, que contén casi tódolos ingredientes da música das illas británicas, na instrumentación e nas formas melódicas.
Si é verdade que a producción musical tradicional galega é escasa en comparación coa música ésta de fusión folk pero creo que buscando un pouco non é tan difícil atopar cousas dignamente feitas. Só hai que estar un pouco informado, ser unha persoa competente co traballo de seleccionar músicas, ter un pouco de sentido galeguista.
Hai que dicir que a música tradicional non se ve afectada por unha programación musical nefasta. A música tradicional está aí e ninguén a pode mover. O que se ve afectada é a conexión dos videntes ou escoitantes galegos coa súa tradición, retírase da escea cotidiá unha música profundamente arraigada en Galicia que, cun pouco de aprecio, pode ter un papel nesta sociedade. Estase falseando a realidade musical e contribuíndo a identificar incorrectamente temas galegos (o entorno rural, por exemplo, tantas veces utilizado como argumento televisivo) con músicas modernas, feitas en Galicia moitas veces pero de carácter británico.
Juanjo Fernández Lugo, 4/11/04