O arrieiro
En Castroverde hai unha “Casa do Coche” na que vivía Bonifacio Pereira, un home que foi da casa de Benito de San Romao, na parroquia de Retizós do concello de Baleira. A casa do Coche foi cantina e pousada, parada clásica de moitos dos que facían a ruta Lugo-Fonsagrada, tratantes, viaxeiros, vendedores, que comían e dormían cando o necesitaban. Tamén se despachaba viño á xente do lugar ou que paraba alí por esa razón. En realidade quen atendía na casa era a súa segunda muller, coxa dunha perna pero que traballaba como dúas sanas xuntas. A denominación da casa viña porque Bonifacio foi conductor. Tivo aló polos anos vinte un dos primeiros camións da provincia de Lugo, un daqueles que tiñan aínda as rodas de ferro sen neumáticos, sendo el, tal vez, quen inaugurara a primitiva estrada que se fixo por aquela época para comunica-la capital coa comarca de A Fonsagrada, gracias a Dios remodelada hai poucos anos.
Co tempo pasouse ós autobuses e durante décadas foi un dos conductores da liña Lugo-Fonsagrada pero ésa é outra historia. Bonifacio morreu no ano 1.998 de 100 anos de idade tal como reza unha esquela na súa tumba do cementerio de Castroverde. Na derradeira etapa da súa vida, ironías do destino, non podía desplazarse siquiera camiñando por doencias nas articulacións das pernas centenarias que tiña. Cando lle preguntaba: "¿qué tal, Bonifacio?" el dicía: "ben, o peor son as rodas".
Anteriormente ó camión xa conducía pero naquela época tratábase de carros do país. Foi arrieiro, oficio clásico e seguramente nunca ben recoñecido polo grande labor social que realizaba. Os arrieiros eran os camioneiros de antes, eran quenes levaban dun sitio para outro todo o que na actualidade se transporta por estrada que, como sabemos, é casi todo. Era un traballo de moito tempo de reflexión polos camiños, co lento trancurrir do carro tirado por bois. Algo impensable nunha sociedade actual de presa e actividade intensa, na que o tempo mídese en segundos.
Bonifacio foi algo gaiteiro tamén, afición que colleu de neno, de oir tocar a José Pin. Éste era un gaiteiro moi estimado que nacera na casa de Hayedo do lugar e parroquia de A Braña (Baleira), razón pola que o chamaban así “O Hayedo” pero que na crianza de Bonifacio vivía en Millares, na mesma parroquia de A Braña. O Hayedo, invidente, percorría toda a comarca tocando na gaita do fol, as veces só e outras acompañado por Álvaro Fouz, un veciño, que lle tocaba o tambor. O Hayedo acudía con moita frecuencia á feira da Fonsagrada para tocar alí, aproveitando a grande afluencia de xente, que as veces lle deixaba algunha moneda ó pasar.
Un día Paco de Riba, do lugar e parroquia de Cellán de Calvos, no mesmo Castroverde, díxolle a Bonifacio de mercarlle a gaita e levouna. Era unha gaita feita por Gerardo Rodil que foi de Martín, parroquia e derradeiro lugar de Baleira, antes de entrar en Ribeira de Piquín pero que marchou co seu taller para Santadrao, na parroquia castroverdiana de Montecubeiro. O tempo pasou e non lla pagou, máis por olvido que outra cousa. Despois de moito, foi Paco pola cantina buscar algún bocoi de viño e preguntoulle: "¿a cómo está o viño?" e Bonifacio contestoulle: “ó precio da gaita”. Naturalmente, o pobre Paco marchou dalí o antes que poido, sen dicir unha palabra máis.
O lado musical de Bonifacio amosábase tamén no canto. Como bon arrieiro que foi, pasaba boa parte do camiño cantando. Unha que lle gustaba moito cantar era aquela que dicía:
Dende Lugo a Fonsagrada
hai que pasar por Baleira
estaría en Castroverde
unha semaniña enteira
A xente dos lugares polos que pasaba xa o coñecían pola voz, polas cántigas e moitas veces saían para oilo mentres pasaba, acompañado polo ruido do eixo do carro, as pezuñas dos bois e as llantas das rodas que marcaban no camiño o trazado da súa marcha.
En certa ocasión namorouse dunha moza da casa de Estevo de Vilardongo, na parroquia de San Xoán de Padrón, concello de A Fonsagrada. Foi un día que a viu na porta da súa casa, sentada mentres facía unha restra de allos. Dende aquela sempre facía por parar no pueblo e mirar se a vía. Despois de falárense durante un tempo tíñase polo seu novio, se ben é verdade que a rapaza no lle dera demasiadas esperanzas, todo hai que dicilo.
Pero un día, na Fonsagrada, víuna acompañada por outro mozo amigo del e sentiuse traicionado. Despotricou todo canto poido e marchou dalí rosmando. Por despeito deulle por ordenar unha cántiga de venganza para todo o concello, que durante semanas foi cantando polo seu itinerario entre Lugo e A Fonsagrada. A xente adeprendeuna e foi de boca en boca por toda a comarca. Despois a el pasóuselle o enfado e volveu ó seu carácter simpático e amistoso de sempre pero a cántiga aínda permanece na memoria da xente.
Monte sin leña
fonte sin auga
mulleres sin honra
homes sin palabra
Juanjo Fernández Lugo, 24/2/05
(Texto publicado no sitio web Fillos de Galicia en 2.004)