Cabecera

Enlaces opinión

As gaitas de Fraga (13/12/01)

O que tocan os gaiteiros xóvenes /28/9/04)

Medios de comunicación (4/11/04)

A relatividade (16/11/04)

Os dedos (20/11/04)

O arrieiro (24/2/05)

Xogo de noces (11/12/05)

Opinión e relatos
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

O que tocan os gaiteiros xóvenes

Non se descubre nada novo dicindo que na actualidade hai moitos gaiteiros xóvenes cunha capacidade moi grande para tocar. En conxunto, trátase dunha xeneración moi preparada, non só pola formación común que tódolos xóvenes de hoxe reciben senón tamén polos estudios musicais que realizan moitos destes gaiteiros. Lugares non faltan con multitude de asociacións, colexios, escolas específicas e conservatorios ós que acudir, nos que se imparten estudios de gaita, as veces a un nivel moi alto.

Na miña opinión, os gaiteiros vellos, a xente maior en xeral, contemplan ésto marabillados de cómo cambiaron as cousas en poucos anos, cando eles “non tiñan onde aprender”. É o que din aínda que, algúns que non somos tan vellos e oímos este tipo de comentarios, non esteamos moi de acordo. Non porque, por moito autodidactismo do que poidan falar, se aprecia nas diferentes zonas unha continuidade moi grande dos xeitos gaiteiros, unha certa uniformidade que indica algo así como que se transmitían as cousas uns a outros. Por outra parte a densidade de gaiteiros, sobre todo nas zonas rurais, era moi grande hai poucas décadas. Gaiteiros de verdade, dos que facían bailes, non dos que acuden a ensaiar un rato cada semana. A conclusión é que era outra maneira de aprender, menos académica, máis mundana pero chea de referencias nas que fixarse e aprender.

Os de antes tiñan, ademáis, unha avantaxe relacionada coa maior enxebreza gaiteira que existía en Galicia anos atrás. A menor preparación académica permitía menos capacidade de composición e os tópicos gaiteiros repetíanse con frecuencia. Tópicos que conectaban coa xente porque formaban parte da memoria cultural.

Dos gaiteiros novos, unha das primeiras cousas que destacan estes paisanos é o dominio dos dedos, a rapidez con que tocan as melodías e a, digamos, cantidade de notas por segundo que chegan dar. Máis que nada porque o que teñen na retina é a imaxe impactante dos gaiteiros famosos que saen pola televisión, con virtuosismos difíciles de acadar. Os vellos ríndense ante estas cousas porque non as entenden e lles parecen inalcanzables, impensables anos atrás.

Pero agora que xa van pasando os anos con esta tónica de xóvenes gaiteiros coñecidos, cada vez máis se escoita critica-la pouca galeguidade das melodías e os xeitos gaiteiros novos. Teñen moita razón porque é verdade que provoca un certo baleiro escoitar moitas das cousas que se fan na actualidade coa gaita.

Na formación da xeneración actual de gaiteiros xoga un papel importante a discografía galega e o que ésta transmite non é moi galego. Os discos intentan pintalos de galegos, si, pero falla casi todo porque os artistas non teñen unha boa "formación" tradicional. Así se interpretan os xéneros desvirtuados, con arranxos de fantasía e instrumentación casi toda extranxeira ou allea á tradición. E non é por falta de recolleitas pois este fenómeno está cada vez máis extendido, é porque non se sabe interpretar o que transmiten as gravacións de campo, as sutilezas que os gaiteiros vellos realizan moitas veces, que precisan algo máis que que un estudio superficial.

Respecto das pezas, toda esa cantidade de gaiteiros novos que adican un esforzo importante a practicar e prepararse, demandan un repertorio acorde con ese nivel que van acandando. Repertorio que, en moitas ocasións sae de melodías e xeitos musicais forasteiros, composicións propias moitas veces cheas de fantasías e, chegado o caso, elaboradas adaptacións de pezas tradicionais a xeitos modernos, onde non está presente a enxebreza orixinal.

¿Qué ocurre? que a música tradicional non está de moda por moito que se toque a gaita, por moitos discos "galegos" que se vendan e moitos conciertos que se fagan nos veráns.

Juanjo Fernández Lugo, 28/9/0

Ir arriba