Cabecera

Enlaces opinión

As gaitas de Fraga (13/12/01)

O que tocan os gaiteiros xóvenes /28/9/04)

Medios de comunicación (4/11/04)

A relatividade (16/11/04)

Os dedos (20/11/04)

O arrieiro (24/2/05)

Xogo de noces (11/12/05)

Opinión e relatos
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Os dedos quedan aquí

No verán do 84 fomos toca-la gaita á feira de Padrón. Despois de tocar un rato entre a xente, nunha pausiña, un home xa atemporado que permanecía moi atento contóunos unha historia moi interesante que lle aconteceu a un gaiteiro que tamén fora tocar a esa feira había moitos anos. Aquel día non lle demos moita importancia ó caso e pasados os anos xa era tarde para localizar a aquel amable contador para preguntar polo nome do gaiteiro e outros detalles.

O protagonista da historia era moi estimado en toda a comarca, como persoa e como gaiteiro. Malvivía nunha casiña pequena coa súa muller e catro fillos e como a súa economía era moi modesta ganaba a súa vida como podía. Unha das cousas que facía era ir ás feiras de Padrón toca-la gaita. Buscaba un lugar de moito paso de xente, poñía a boina no chan e tocaba sen parar para que a xente que pasara lle botara algunha moneda.

Ós feirantes non lles molestaba nada pois todos o coñecían e apreciaban, ademáis non se metía con ninguén. Mesmo, os que estaban perto del, estaban encantados porque a xente facía por achegarse e pasar ó seu carón co que sempre tiñan máis público diante deles.

A xente ó pasar recoñecía que tocaba moi ben e moitos remataban tatareando as muiñeiras e fandangos que tocaba. A máis dun chamáballe a atención a gaita que tiña, moi chamativa, cun fleque moi denso e tres ou catro pompóns colgados dun roncón de apariencia vella, xeneroso en calibres e factura finamente barroca. O xustillo era de veludo negro e roxo, adornado nas costuras cun remate de boliñas a xeito goyesco. O punteiro con pegadas de ter tocado moito polos desgastes nos furados e a color oscura dunha madeira en contacto permanente cos dedos.

Había un home que pasaba cada cinco minutos e miraba con interés a gaita daquel gaiteiro. Despois de varias pasadas deixouse de rodeos e quedouse parado a unha distancia prudencial, mirando a gaita e prestando moita atención ó que saía dela. Resultou que tamén el era gaiteiro e cobiciábaselle a gaita de escoitar cómo soaba. A súa non tocaba nin a metade de ben e o home, sen querer recoñece-lo aporte do que a estaba tocando, prefería mellor pensar que todo era cuestión do instrumento.

Cando o gaiteiro considerou que por ese día xa era abondo tocar recolleu a boina do chan, meteu as monedas e os poucos billetes que había, na bolsa da gaita e se dispuxo a desmonta-lo instrumento. Nese intre achegouse o home e lle preguntou si vendería a gaita. O gaiteiro contestou que todo dependía do que lle pagaran por ela. O home dixo que puxera precio e el contestou unha cantidade enorme, consciente do interés que foi acumulando aquel home durante todo o tempo que estivo observando.

O home pensouno durante uns instantes e considerou que era a súa oportunidade de facerse coa gaita. Meteu a man no peto dereito do pantalón e sacou uns billetes. Non chegaban e mirou no outro, onde había aínda máis diñeiro. Cando xuntou o que o gaiteiro pedía entregóullelo doblado de calquera maneira, colleu a gaita, xa desmontada, como si dun neno de peito se tratara, e marchou aprisa con ganas de chegar á súa casa.

O gaiteiro non o podía creer, acababa de cobrar diñeiro abondo para mercar dúas gaitas novas e marchou contento dalí. Mentres contaba satisfeito os billetes un a un, ría para adentro sabedor que o traballo principal da gaita é o propio gaiteiro e pensou, con certa malicia, “levar, léva-la gaita pero os dedos quedan aquí”.

Juanjo Fernández Lugo, 20/11/04

Ir arriba