Cabecera

Enlaces opinión

As gaitas de Fraga (13/12/01)

O que tocan os gaiteiros xóvenes /28/9/04)

Medios de comunicación (4/11/04)

A relatividade (16/11/04)

Os dedos (20/11/04)

O arrieiro (24/2/05)

Xogo de noces (11/12/05)

Opinión e relatos
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Xogo de noces en Ouviaña

Este artigo non ten nada que ver coa música aínda que si coas tradicións lúdico-sociais dunha parte da provincia de Lugo que comprende o noroeste do concello de A Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Meira e surleste de Riotorto. Na actualidade é en Ouviaña, parroquia de Os Baos (Ribeira de Piquín) o único sitio onde se fai pero en épocas pasadas chegouse facer en varios pobos destes concellos citados. Por se-lo único sitio na actualidade acude alí xente de toda esta rodeada. Que recoñecera eu había ali xogadores de Meira (capital), Ribeira de Piquín (Moxén, Cartea, Soutelo, Mestre, O Chao do Pousadoiro) e A Fonsagrada (Carballido, A Burela, A Rebordela, Gormaz).

Hai varias semanas que lle pedín a Otilio Fernández de A Burela de Carballido (A Fonsagrada) que me avisara cando fora o Xogo de noces en Ouviaña, que quería ir. Eu xa tiña estado un par de veces, varios anos atrás, pero xa había tempo que quería repetir porque o recordo que me quedaba era moi agradable. Unha das referencias máis simpáticas que tiven foi cando me trasmitían os rapaces do grupo do Vilar de Carballido, que eu ensinaba, os comentarios que facían ó chegaren os respectivos pais do xogo de marras. Se gañaran moito alegrábanse por come-las noces e se perdían preguntaban con certa sorna "¿e logo? ¿ónde están as noces?", como dicindo "¡vaia calamidade, non gañar siquiera unhas poucas pa´ traer pa´ casa!"

O xogo de noces consiste en xogar ás cartas e apostar con noces. Para éso a xente acude unha vez cada ano á cantina que o convoca e permanece xogando ata que o corpo aguante, o que quere dicir que depende de cada un pero que moitas veces é ata ben entrada a madrugada. No mesmo local xa teñen noces a vender, que os xogadores mercan para poder apostar e despois, dependendo da sorte de cada un, van ampliando o montón de noces ou van mercando máis para poder seguir apostando. En canto á magnitude como xogo de azar é pequena posto que, por moito que se chegue a perder, cinco ou dez kilos de noces non valen demasiado, é máis o momento agradable que se pasa cos amigos. Si pode haber certo pique por querer gañar, algo inherente a todo xogo, pero o ambiente e moi san e, mesmo, recomendable.

En función do sitio dispoñible na cantina e da afluencia de xogadores, estes repártense en grupos de oito ou menos entorno a unha mesa. No medio da mesa ponse unha cesta, caixa ou cousa polo estilo, que sirva de banca. Os xogadores teñen ó seu lado outra caixa ou bolsa coas súas propias noces e van poñendo na banca ou retirando segundo lles vaia no xogo. O xogo de cartas que se utiliza en Ouviaña é un que se denomina de varias maneiras: a negra, o negro ou el hijoputa. Consiste en que un dos xogadores fai de banca ou repartidor, collendo tódalas cartas, barallando e repartindo ó resto do grupo. Concretamente se vai un por un, dando catro cartas cara abaixo, o receptor míraas e valora se quere ou non apostar. No caso de querer, especifica cánto aposta e o repartidor dalle outra carta cara arriba. Se a pode superar coas catro que ten gaña e se non perde. A valoración das cartas coincide co tute, é dicir, o máximo é o as, despois o tres, despois o rei, etc. Como se pode comprender, o que valora o xogador está en función da cantidade de paos que ten e o máximo valor de cada un. Por exemplo, se ten só cartas de dous paos e son de mediano valor é un risco grande apostar polo que, en tal caso, o normal é que pase. Se ten dos catro paos e se trata de cartas valiosas apostará moito porque o risco de perder é pequeno. Segundo me comentaban amigos de Leiras (Meira), por alí era normal o xogo das sete e media ou xogos semellantes. Tamén comentaba alguén en Ouviaña que noutros lugares tense feito apostando mazás e outras cousas.

En canto á cantidade que se aposta varía moito entre os xogadores. Para dotar do máximo de posibilidades existe un recipiente máis grande e outro máis pequeno e, aparte, sempre está a posibilidade de cita-lo número de noces que se quere apostar: unha, dúas, media ducia, dez, unha ducía, etc. En ocasións de certo calentamento do xogo, é normal que se aposte, por exemplo, todas as que hai na banca. Os recipientes en Ouviaña se improvisaron cortando botellas grandes de referescos, que son de plástico. Córtase a botella cunha navalla algo perto da boca e, desta maneira, queda un recipiente pequeno, tipo embudo e outro máis grande tipo xarro. Os xogadores poden dicir que apostan "un grande", "un pequeno", "cinco grandes", "un kilo" chegado o caso, "dous", etc. Para comezar, ou cada vez que se valeira a banca, cada xogador pon unha cantidade acordada, por exemplo seis noces. Por outra parte, polo xogo que se realiza, catro cartas por xogador ampliables a cindo se aposta, se comprende que máis de oito non poden ser aínda que comentaban que en ocasións tense aceptado a máis xogadores tendo que recolle-las cartas cando se acabaran e volver barallar pero non é nada habitual.

Enfín, simplemente quería contar esta experiencia porque me parece interesante e aporta un pouco de luz nas tradicións vivas desta zona da provincia de Lugo.

Juanjo Fernández Lugo, 11/12/05

Ir arriba

Unha das mesas
Unha das mesas

Outra
Outra

A miña
A miña