Herminio Villaverde
Con anterioridade a información sobre este trompista estaba incluída no propio artigo da trompa. O que fixemos agora foi poñela aparte, nesta sección adicada ós gaiteiros. De paso actualizámo-lo texto e volvemos activa-los arquivos de audio que o acompañaban no seu día.
Lembramos unha ocasión, nos anos ´70, en que poñían na televisión "La Banda del Mirlitón", un programa que facía Ismael, o activo folclorista que hoxe dirixe La Chacona, unha empresa que xestiona as importantes coleccións de instrumentos e outros obxetos tradicionais que posúe. Seguiámo-lo programa as veces e, naquela ocasión, chamóuno-la atención unha reportaxe na que se entrevistaba a un tocador de trompa. O tocador era Herminio, decatámonos co paso dos anos, cando o coñecimos na súa casa, o 8 de setembro de 1.990. Non hai moito que lle preguntamos a Ismael si gardaba algo daquel programa pero dixo que, lamentablemente, non se conservaba nada porque daquela o formato de video usábase pouco e só se gardaban determinados programas dun interese "especial" (partidos de futbol, programas de variedades, etc.)
Herminio Villaverde Díaz naceu na casa de Cazote, en Fonfría, parroquia de A Bastida (A Fonsagrada), o 6 de xuño de 1.921. Dende novo interesouse polos temas tradicionais, chegando a acadar un certo prestixio na zona como recopilador de tradicións. Ocupouse de recoller poesías, refráns e toca-la gaita algo entre outras cousas pero o tema que máis dominou ou, polo menos, o que máis fama lle deu foi a trompa.
Herminio contaba que aprendeu toca-la trompa sendo neno cun vecín que marchou para Buenos Aires. Este home tocaba moi ben e con certa frecuencia. Un día que estaba coas vacas, este vecín chamou por el e lle dixo que aprendera tocar. Herminio interesouse por aquelo e foi cando aprendeu. Previamente tivo que poñerlle á trompa unha palleta (a lingüeta vibrante), que fixo cunha varilla de paraugas.
Aparte da aparición no programa "La Banda del Mirlitón", Herminio estivo tamén nun dos programas de Xosé Lois Blanco, na Televisión de Galicia aínda que non acadamos aínda o documento de video correspondente. De todas maneiras, tivémo-la sorte de gravalo, meses antes da súa defunción, nunha cinta de audio da que extraímo-las as pezas cuios enlaces están un pouco máis abaixo. Colaborou, tamén, nun libro titulado "Aún existen pueblos, etnografía de lugares dispersos", escrito por Manuel Garrido Palacios no que aportou poesías e refráns así como notas sobre da trompa. Ademáis escribiu un artigo titulado "La trompa", publicado no Progreso de Lugo en maio de 1.989 no que facía unhas reflexións sobre da tradición así coma un repaso pola trompa e os trompistas célebres da zona. Co Museo de A Fonsagrada ten colaborado nun interesante video, no que toca algunhas pezas e explica cousas do instrumento, e cun artigo que apareceu nun dos boletíns da institución, tratando tamén o mesmo tema. Aparte de todo ésto, algunha outra xente teno tamén gravado na súa propia casa tocando; teremos que segui-lo rastro do que se poida recuperar para ir incorporando toda a información posible aquí.
De Herminio se pensaba que facía as trompas pero quen as facía en realidade era Otilio Ávarez, natural de Queixoiro pero vecín do lugar de Vilarmeán (A Fonsagrada). O que si facía Herminio era poñe-las palletas, normalmente de varillas ("ballenas", dicía el) de paraugas como se dixo iñantes, que había que templar para que tiveran a consistencia e a sonoridade precisas. Comenta Carmen, a súa muller, que as varillas tiñan que ser das antigas, as que son redondas, as actuais que son acanaladas non valen, seguramente pola mellor aleación daquelas.
O toque de Herminio tiña moita calidade e as súas melodías eran recoñecibles, cousa nada doada tratándose dun instrumento de difícil articulación bucal. O seu repertorio estaba composto por xéneros propios da zona.
Vals
Era un dos bailes máis habituais dada a súa simpleza e difusión.
Os valses chamados así na zona son pezas do tipo A
miña burriña, La
Molinera, A
la Virgen del Carmen ou Carmiña
Carmela, que son cántigas en métrica ternaria que se adaptan
ben ó dito baile. Herminio as tocaba só de boa gana pero prefería
facelo mentres Carmen, a súa muller, cantaba.
Muiñeira
Éste, é un xénero gaiteiro na zona, de maneira que se interpreta
normalmente coa gaita. Podíase tocar con outros instrumentos coma o violín
pero sempre remedando á gaita. Na zona non ten significación a
muiñeira cantada. A única que se canta, aparte daquela de "Chanfuniqueille
a muller a Bartolo", máis en broma que outra cousa, é a de
"A muiñeira na costa de Meira",
como unha cántiga máis, sen conexión co baile. Herminio
repetía casi sempre esta muiñeira en concreto, que ten gravado
con Saga en "Música Tradicional Galega Vol-2 Os ritmos bailables”
e que tamén foi a que lle gravamos nós un dos días que
o visitamos. Preferimos incluí-la de Saga (un fragmento) por estar mellor
gravada.
Jota
A Jota que nos gravou tivo que lembrárllela
Carmen, a muller. A jota é un xénero moi irregular, con melodías
de varios tipos pero sempre en compás ternario. Na zona tamén
é un xénero gaiteiro, sendo raras as que se poden escoitar cantadas,
que non proveñan dos discos modernos ou a vella cántiga tabernaria,
por suposto.
Pasodoble
Despois hai outras interpretacións, extraídas do repertorio das cántigas,
que se poden adaptar a xéneros coma o pasodoble, por exemplo A
Palmeira.
Herminio faleceu o 18 de xaneiro de 1.991. Era un home que destacaba tamén po-lo seu bon humor, sendo famóso-los seus contos, que deixaban ós contertulios rindo sen parar. Formando parte do seu carácter trataba con humor á mesma morte, chegando a deixar disposto o seguinte epitafio para a súa tumba:
O Cazote de Fonfría
descansa aquí panzarriba
postura que lle agradou
mentras lle durou a vida
Cousas relacionadas
A trompa (páxina adicada ó instrumento)
Juanjo Fernández Lugo, 17/10/02
(actualizado, 30/11/05)

Herminio en maio do ´89

Mesmo ano

1.987

"Herminio Villaverde Buena",
era a trompa preferida de Herminio

Lápida da tumba de Herminio