Cabecera

Outros instrumentos
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Fabricación do xipro de afiador

Este artigo non é novo pois formaba parte do articulado dunha etapa anterior. Queremos agora incluílo e, de paso, darlle un repaso para melloralo na medida do posible. Diciamos que ...

A fabricación do xipro é doada de ter un pequeno obradoiro e unha serie de ferramentas. Os requisitos serían:

-táboa de madeira
-taladro vertical
-escofinas para madeira, finas e de formas plana e redonda
-brocas de 6 mm
-serra de marquetería
-papel de lixa
-navalla
-cera

Sería ideal que a madeira fora buxo pola calidade que ten; no caso de non dispoñer dela pódese escoller calquera das madeiras clásicas de facer instrumentos: uz, pereira, teixo, enciñeira, nogueira, mesmo castiñeiro, fresno, pradairo, etc.

A táboa na que farémo-lo xipro debe te-las medidas do debuxo da dereita. Nótese que a anchura na parte superior (cabeza) é maior que na inferior (furados), é a característica de tódolos xipros que temos visto. Ésto, naturalmente, dá algúns problemas posto que hay que rebaixar toda a superficie de menos a máis pero asegura un rematado acorde coa tipoloxía tradicional que, por certo, resulta moi elegante. Cando se pensan realizar varios xipros pódese aforra-lo rebaixado aserrando as táboas, dun taco de madeira, xa con esta diferencia no grosor.

Unha vez acadada a taboa hai que debuxa-la silueta do xipro na superficie. A continuación serrar coa serra de marquetería todo o contorno, repasando os defectos de serrado que poidera ter coas escofinas. A plana para os tramos rectos ou cóncavos e a redonda para os tramos convexos. Como remate usaremos sempre a lixa que proporcionará unha superficie pulida de efecto agradable ó tacto e á vista.


 
1.-Contorno debuxado
2.-Contorno serrado

 

 

 

 

 

 

 

 

Agora o paso é redondear casi todo o contorno salvo o detalle da dereita que, no xipro de Herminio (ver artigo do xipro de afiador reseñado ó final), vai con forma de proa o que lle da unha estética barroca moi elegante. Tamén hai que face-las orellas. O resto, para remata-la cabeza de cabalo de xadrez, é face-los cortes para remeda-las correas, a boca, os ollos e as crins seguindo o modelo do xipro que figura ó principio do artigo ou, tamén, deixarse levar pola imaxinación ou as dotes artísticas que se teñan.


 
1.-Redondeado do contorno en bermello
2.-Rematado das orellas
3.-Zona con forma de proa

 

 

 

 

 

 

 

 

Tamén podemos escoller facer un xipro dos sinxelos que se mencionan no artigo do xipro de afiador referido iñantes. En tal caso aforríamos face-la cabeza de cabalo e redondearíamos tal e como aparece no debuxo que hai debaixo deste párrafo. Da mesma maneira podemos imita-la cabeza de paxaro do xipro vasco que aparece no New Grove, o prestixioso diccionario musical.

Xipro redondeado                Xipro vasco
1.-Xipro de formas redondeadas
2.-Xipro de procedencia vasca (segundo o New Grove)

 

 

 

 

 

 

 

Finalmente hai que furar. Previamente facemos unha liña polo medio da superficie onde irán os furados e marcamos cun lápiz o sitio exacto de cada furado. A medida do xipro que estamos a facer permite dez furados que debemos distribuir perfectamente. No caso de querer máis ou menos furados hai que calcular outras medidas da táboa inicial.

Pero, antes de furar, hai que sabe-la fondura que lle hai que dar a cada furado. Se queremos afina-lo xipro na escala de DO teremos que da-las medidas da táboa da dereita ós furados, tendo en conta que estamos a traballar con furados que fai unha broca do 6 (6 mm). É doado intuir que o furado 1, o máis longo, é o que vai no lombo do cabalo; non habería espacio abondo para facelo no peito.

Se non temos algo de habilidade co taladro é moi difícil face-los furados e que afine á primeira. Normalmente deberemos usar algo que axuste cada nota ó diapasón. Un sistema bon é dispoñer de pequenos trozos de cera que meteremos no furado cando éste sexa demasiado grave. A cera debería estar algo quente pero sen chegar a ser líquida para que a poidamos controlar sen que se pegue ás paredes do furado. O procedimento sería facer unha pequena bola para metela no furado e, co reverso da broca (unha máis fina; coa que taladramos será difícil porque entrará demasiado xusta), presionar até o fondo e así fixala ben. En calquera dos casos, a afinación pódese axustar de moitas maneiras. Cando queda un poco agudo e non queremos perforar coa broca por temor a pasarnos, podemos lixa-las paredes cunha lixa fina (facendo un roliño que entre axustado), unhas pasadiñas suaves fai baixa-la afinación un pouquiño.

O derradeiro paso é rebaixar un pouco máis o grosor do xipro na zona dos furados. A finalidade é facilita-la execución polo que tamén o podemos facer antes de axusta-la afinación pero nunca antes de furar porque unha parede demasiado delgada pode dar problemas. No xipro de Herminio, que polo de agora nos sirve de exemplo, a táboa de base ten os grosores que dixemos ó principio pero nótase que teñen ademáis un lixado posterior que remata por axusta-lo borde de marras ós furados. Este rebaixe ten lugar apartir dos derradeiros 15 mm e pódese moi ben facer con lixa fina e un pouco de paciencia. A arista que fica no borde exacto, polo que teremos que esvara-los labios, tamén a podemos rebaixar moi discretamente.


Rebaixado do borde

 

 

 

 

 

 

 

 

Cousas relacionadas

O xipro de afiador (artigo neste mesmo sitio web)
Xipro (artesanía de Roberto López Mourín)

Juanjo Fernández Lugo, 5/4/03

(actualizado 14/3/06)

Ir arriba

Xipro
Xipro de afiador

Medidas táboa
Medidas da táboa

Táboa furados
Táboa das medidas dos furados

Marcado
Furados feitos
1.- Marca-la situación correcta
2.-Furar