Acontecimentos

Cabeceira

 
A gaita do fol              Os gaiteiros              A percusión              Outros instrumentos              Acontecimentos              Varios

 
 
 
 
 
 
 
 
 
 

Xipro de afiador

Foi unha grata sorpresa cando Antonio Novo, de Barbeitos, A Fonsagrada, nos regalou un exemplar de boxe que fixera Herminio Villaverde, de Fonfría, o famoso trompista. Xa tiñamos referencias deste instrumento aínda que nunca viramos un e, moito menos, o tiveramos. Co tempo resultou que o modelo daquel xipro gardaba unha semellanza moi grande con exemplares de diversas procedencias galegas e portuguesas.

Denominación

En Galicia este instrumento acada denominacións diferentes, dependendo das zonas. Nós preferimos mellor usa-la que aprendimos en A Fonsagrada que é a que figura no título. Xipro, en realidade, é o nome de calquera cousa que asubíe pois xiprar alí é asubiar. No resto do país coñécese de moitas outras maneiras entre as que están asubío, chifre, chifro, pito, apito e silbato. Todas poden ir precisadas da maneira xipro de afiador e paragüeiro, xipro de castrador, etc. Como se ve, tóda-las formas están emparentadas etimolóxicamente coa voz latina sufflo, do verbo sufflare, que sirve tamén para construí-las variadas denominacións da flauta de tres furados que existen no cuadrante norleste da península (xipla, chifla, etc.)

Fóra de Galicia, as denominacións xenéricas máis clásicas e coñecidas son as de flauta de pan e siringa; a primeira adopta o nome do deus dos pastores Pan e a segunda da ninfa Syrinx. A explicación destas denominacións está en que, segundo a mitoloxía grega, Pan, mitade cabra e metade home, namorouse de Syrinx e ó se achegar a ela ésta correu atemorizada. Pan perseguíuna para lle explicar que non lle quería facer mal ningún pero Syrinx, chegando a xunto do deus río Ladon, pedíulle que a protexera e éste convirtíuna nunha cana da súa beira. Ó chegar alí, Pan colleu a cana e, cortándoa en sete pedazos, fabricou un xipro para lembrar á súa amada ó tocar.

Historia

A historia mitolóxica do xipro, ou flauta de Pan, segundo as referencias dadas sobre da orixe da denominación xenérica, remóntase a época grega pero é moi anterior. Curt Sachs, que o estudiou, apuntaba que podía tratarse dun instrumento de principios do paleolítico, sinalando como proba a súa afloración nas máis variadas zonas do mundo. Principios do paleolítico tal vez é algo moito pero si resulta evidente que se trata dun instrumento moi arcaico dada a súa simpleza; non precisa casi ningún tipo de técnica para facelo, so un utensilio que corte as canaveiras e unha corda que as una.

Interesante a tal punto é especular coa relación tan grande que debe haber entre moitos instrumentos de vento e o hábito tan humán de extrae-lo tuétano dos osos. O tuétano é nun bocado delicioso, cuia extracción esta demostrada en moitas excavacións arqueolóxicas. Resulta doado imaxinar un home de tempos prehistóricos tentando succiona-lo manxar dun pedazo de oso, mesmo probando a soprar por ver si sae.

Aparece representado xa nuns debuxos de danzas animais de Çatal Hüyük en Anatolia (Turquía), no sexto milenio antes da nosa era, pero a primeira representación europea calcúlase que foi entre os séculos VI-V a. de Xto., nunha famosa urna de bronce da cultura de Halstat que se conserva no Museo Civico Archeologico de Bologna, Italia.

Un instrumento da familia realizado en pedra era coñecido na civilización maia, tomado dos incas. Igualmente, os indios aimaras, do cono sur americano, coñecían un instrumento afín, realizado con canas. Tal vez non sexa preciso comenta-lo arraigo que aínda ten este tipo de instrumentos nas comunidades indíxenas de Perú, Ecuador, Bolivia, Arxentina, Chile e outros países americanos nos que é un instrumento precolombino. Tendo en conta que o poblamento humán de América ten aproximadamente 15 mil anos e que, unha vez no continente tra-la retirada dos xeos árticos despois da derradeira glaciación, as comunidades permaneceron ailladas, estamos falando, en efecto, dun instrumento moi milenario. Sachs mencionaba nos seus traballos diferentes variedades coma o Sia chino, a Subín filipina, a Swirella ou Svirjelka rusa, o Musqal rumán e o Fieould provenzal.

Referente á flauta de Pan arxentina, en Instrumentos Musicales Etnográficos y Folclóricos de la Argentina, CD de recolleitas de campo editado polo Instituto Nacional de Muxicología “Carlos Vega”, aparece unha referencia á mbyá que se toca na provincia de Misiones, que describe coma unha serie de sete tubos (o número máis normal) soltos dun tipo de bambú. Estes tubos os reparten entre dúas mulleres para tocar cun fin de divertimento.

Na literatura española e europea aparecen numerosas citas ó instrumento, sempre ligadas a orixe mitolóxica greco-latina, en obras de Lucrecio, Cervantes, Góngora, conde de Villamediana, Covarrubias, Tirso de Molina, Pedro Soto de Rojas, Juan Valdés, etc.

Respecto das iconografías, é común velo representado nas máis variadas zonas do mundo e, como non, na rica ornamentación románica das eirexas europeas.

Unha representación famosa aparece en Il gabinetto armonico de Filippo Bonanni, 1.722, coa denominación de Ciufoli Pastorali (xipros pastorís), denominación máis coincidente coas usadas en Galicia na actualidade; no gravado figura coma tocador o mesmo deus Pan. Tamén aparece en Theatrum instrumentorum de Michael Praetorius, século XVII, e coñécense obras literarias e plásticas repartidas pola Europa clásica nas que se atopa presente, moitas delas citadas no Diccionario de instrumentos musicales de Ramón Andrés de onde están tomados algúns dos datos cos que está confeccionado este traballo.

O Xipro en Galicia e zonas achegadas

O instrumento en Galicia ten unha orixe incerta pero está moi ligado á oficios ambulantes coma o de afiador e paragüeiro nas cidades e o de capador nas aldeas. A explicación de que sexa o instrumento escollido para a "ambulancia" (é como din en Nogueira de Ramuín, Orense), aparte de ser dende séculos un son identificativo da presencia destes oficios, parece estar na posibilidade que ofrece de ser tocado cunha soa man, mentres coa outra carrétase da roda de afiar.

Hai que notar que o oficio de afiador, en clara regresión, era realizado por galegos (procedentes na máis parte dos casos do concello ourensán de Nogueira de Ramuín) fóra de Galicia casi sempre, sendo común atopalos nas grandes cidades coma Madrid ou Barcelona, mesmo en Lisboa ou Porto. Outras veces, os afiadores realizaban o seu labor en determinadas zonas menos urbanas, como é o caso de Eliseo Rodríguez de Pena do Chao, parroquia de Viñoás, concello de Nogueira de Ramuín (Ourense), que realizou o seu oficio durante varios anos en Asturias. En ocasións, as zonas de traballo dos afiadores eran heredadas dos pais, outros familiares ou veciños que abandonaban a práctica.

Así pois, a figura do afiador non é en absoluto extraña nas aldeas galegas e outras zonas rurais da península. Ben é verdade que un labrego non precisa que lle afíen as ferramentas (está afeito a facelo el mesmo), pero variantes do oficio, coma a de paragüeiro e amañador de potas e platos, si eran moi necesarias polo deterioro que sufrían estes utensilios, tan comúns nas casas. O oficio de capador, pola contra, si era realizado exclusivamente nas aldeas galegas, pola utilidade que o capado tiña para a cria caseira de porcos, cousa que nas cidades non se daba.

No seu cancioneiro, Casto Sampedro fala do "silbato o pito de castradores, afiladores y paragüeros" dicindo que, en efecto, é usado polos oficios descritos fóra de Galicia ou España, que nas aldeas só os usan os castradores e que se traen de Lisboa, Porto e arredores de Braga, que é onde se fabrican. Sigue a dicir, tamén, se fabrican en Ourense e Pontevedra. Respecto dos materiais de construcción menciona o buxo, pao rosa, marfil e di que tamén, en ocasións, se facían de osos de paraugas vellos unidos entre si.

En Instrumentos Musicais Populares Portugueses de Ernesto Veiga de Oliveira aparece coma gaita de amolador ou de porqueiro, cuio autor dalle unha procedencia galega, mencionando os afiadores galegos asentados en cidades coma Lisboa, quenes serían os que o introducirían en Portugal. Tamén di Veiga de Oliveira que os fabricaban torneiros de Braga.

Tamén o menciona Eugenio M. Zamora en Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana co nome de xipra, denominación rexistrada en Boal por Acevedo en 1.898. Nos comentarios figuran outras denominacións de fóra de Asturias coma rondador, sonaveus, castrapuercas, bufacanyes, escardaixos, sonatrujes e catapuercas. Tamén menciona dúas interesantes citas literarias:

“Llegó acaso a la venta un castrador de puercos y así como llegó sonó un silbato de cañas cuatro o cinco veces” (Cervantes, D. Quijote de la Mancha, parte I, capítulo II).

“(el maestro capador) trae un género de flautilla con cinco o seis silbatos que, pasándole por la boca, los hace sonar, con lo que va por las calles pregonando su oficio y a esta flautilla llaman catapuercas.” (Sebastián de Covarrubias, El tesoro, principios do século XVII).

Tipoloxía

A tipoloxía normal en todo o mundo é un conxunto de canas (tubos) unidas dalgún xeito. No diccionario musical New Grove aparecen varios debuxos de diferentes exemplares do mundo.

Nos diferentes xipros galegos amosados aquí vese que o máis clásico é o que ten unha cabeza de cabalo de xadrez. O que consideramos máis coincidente coa imaxe clásica é o de Herminio, que figura no encabezado. O de Roberto, un pouco máis abaixo, reproduce a mesma figura pois serviuse do xipro de Herminio como modelo. O de Manuel, máis arriba, ten tamén o mesmo motivo aínda que con proporcións menos clásicas, máis personais. No taller de Manuel, en Vilouriz, observamos outros xipros realizados por el, entre os que había tamén un modelo máis sinxelo, sen a cabeza de cabalo, rematado como amosa o debuxo da dereita. O que se amosa no New Grove, procedente do país vasco, semella ser un destes intrumentos máis sinxelos, neste caso, rematado inxeniosamente cunha figura de cabeza de paxaro que, probablemente, procedía dalgún afiador galego traballando naquelas terras.

Curioso é destacar cómo só en Galicia (poñámo-lo conxunto de Galicia e Portugal) se dan instrumentos deste tipo: un corpo de madeira con furados. Da procedencia desta tipoloxía pouco se pode dicir, só que, cun pouco de observación, parece que se aprecia unha estética barroca no modelo clásico de cabeza de cabalo de xadrez, por detalles coma o escalón no peito do cabalo no xipro de Herminio, un recurso ornamental típico deste estilo. Reforza esta estética barroca un contorno con forma de proa nesa mesma zona do escalón. O comentario de Sampedro, no seu cancioneiro (finais do XIX a principios do XX), de que tamén se facían de marfil apunta na mesma dirección; coñecido é o gusto por facer instrumentos de marfil durante o século XVIII (flautas traveseiras, mussettes, etc.). A cita de Cervantes describe un instrumento de cañas do que se podería desprender que a principios do século XVI aínda se facía con este material. Na cita de Covarrubias “un género de flautilla” queremos interpretar “un instrumento dun único corpo” con varios furados -silbatos-, co que teríamo-la primeira mención (entre comillas) da tipoloxía que se convertiría en tradicional galega. Con todo ésto é moi probable que o clásico xipro con forma de cabalo se trate dalgún diseño dos séculos XVII-XVIII que, por alguna razón, se popularizou entre os oficios ambulantes galegos e españois.

O número de tubos ou notas pode variar sensiblemente duns xipros a outros. O de Herminio ten 10 furados ou notas, que dan unha escala de #DO Maior moi ben afinada (#DO-#MI), un rexistro moi interesante para realizar todo tipo de melodías tradicionais galegas. Os que fabrica Manuel están entre 6 e 15 furados. Como dicía el mesmo, “os que buscan facer melodías levan os apitos grandes e os que queren só face-lo reclamo levan os máis pequenos e sen a cabeza de cabalo, que son máis baratos”.

Interpretación

Como se pode intuir, pola tesitura que ten o xipro, as melodías que se poden extraer del son moi variadas. Aínda que non conta cun repertorio de “pezas” propiamente dito, si hai excepcións de tocadores de repertorio clásico galego. Os toques tradicionais consisten en pequenas frases que aínda realizan os profesionais ambulantes, cunha finalidade de reclamo máis que de interpretación musical, e que repiten unha e outra vez alá por onde van. Neles, o efecto de arrastre das notas ocupa un argumento musical importante, cousa lóxica debido ás características do instrumento. Dende logo é un instrumento que ofrece unhas posibilidades musicais interesantes e, dende aquí, animamos a buscarlle papeis en solitario ou en grupo pois de seguro non vai defraudar.

Para toca-lo xipro hai que usa-lo tipo de soprido que se fai cun capuchón de bolígrafo, por exemplo. O texto que escribira Lucrecio no século I a. de Xto. describe a tensión que hai que facer cos labios:

...
E de lonxe os campesiños escoitan cómo Pan,
sacudindo as polas de piñeiro que orlan a súa semisalvaxe cabeza,
esvara cos labios tensos as canas abertas
para que a flauta non deixe de difundi-lo seu silvestre canto
...

En efecto, hai que tensa-los labios e deixar sair un fiíño de aire para dirixilo perpendicularmente á boca dos tubos. Con esta posición, esvarando a boca polo bordo, vanse facendo soa-los tubos que se queiran.

Na derradeira fotografía da dereita pode apreciarse a interesante imaxe, a que ofrece un tocador de xipro de afiador. Trátase do extracto dunha fotografía de José María Rodríguez de Faramontaos, Nogueira de Ramuín (Ourense), que aparece en The Spanish Recordings, Galicia (The Alan Lomax collection), CD composto por interesantes gravacións de campo realizadas polo musicólogo Alan Lomax, na súa viaxe a Galicia en 1952.

O xipro aparece nunha posición que sitúa as notas máis agudas á esquerda do tocador. En principio semella lóxica pola forma do instrumento e por cómo a man dereita se adapta a el desta maneira. Esa mesma posición é a que adopta Eliseo aínda que Manuel colle o xipro ó contrario, non parece haber unha uniformidade ó respecto. Nós aconsellamos poñelo coas notas máis agudas á dereita do tocador, segundo o emplazamento tonal habitual dos instrumentos clásicos; para os que tocamos outros instrumentos é máis racional.

Repertorio

No cancioneiro de Casto Sampedro, na sección de “Curiosidades varias” e co número 472, aparecen 18 partituras subnumeradas dende a “a” ata a “r”. Todas figuran ser de Pontevedra salvo unha do concello de Marcón (na actualidade absorvido pola capital) e outra do de Covelo. Incluímo-las catro primeiras, acompañadas de arquivos midi coma un apoio para os que non dominen moito a lectura.

 


Catro melodías do Cancioneiro de Casto Sampedro

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Midis Cancioneiro de Casto Sampedro
a, b, c, d

Respecto das melodías editadas en gravacións só atopámo-la do CD de Galicia de Alan Lomax referido iñantes, do que poñemos unha pequena parte do minuto e cinco segundos que dura o corte.

Xipro Lomax
José Mª Rodríguez de Faramontaos (Nogueira de Ramuín, Ourense) 1.952.
The Spanish Recordings, Galicia (The Alan Lomax collection)

Sen dúbida habería que percorrer máis Galicia na busca de vellos afiadores e paragüeiros ou castradores, seguro que se pode extraer moito máis. Ésta é a gravación que lle fixemos a Eliseo, coa que esperabamos dar un paso importante na conclusión deste traballo adicado ó xipro de afiador, que levabamos algún tempo facendo.

Eliseo Rodríguez
Gravado o 2/3/03 en Pena do Chao, Viñoás, Nogueira de Ramuín (Ourense)

Cousas relacionadas

Fabricación do xipro (páxina adicada á feitura do xipro)
Xipros de Roberto López (páxina adicada ós xipros de Roberto López Mourín)

 

Bibliografría, discografía

Título: Cancionero musical de Galicia
Autor: Casto Sampedro y Folgar
Editorial: Fundación Pedro Barrié de la Maza
Data: 1.942

Título: Diccionario de Instrumentos Musicales
Autor: Ramón Andrés
Editorial: Vox, Barcelona
Data: 1.995

Título: Instrumentos Musicais Populares Portugueses
Autor: Ernesto Veiga de Oliveira
Editorial: fundação Calouste Gulbenkian
Data: 2.000 (reedición)

Título: The New Grove, Dictionary of Musical Instruments
Autor: Varios
Editorial: Stanley Sadie
Data: 1.985 (reedición)

Título: Instrumentos Musicales en la Tradición Asturiana
Autor: Eugenio M. Zamora
Editorial: Eugenio M. Zamora
Data: 1.989

Título: The Spanish Recordings, Galicia (The Alan Lomax collection) CD
Autor: Alan Lomax
Editorial: ROUNDER
Data: 2.001

Título: Instrumentos Musicales Etnográficos y Folklóricos de la Argentina (CD)
Autor: Instituto Nacional de Musicología “Carlos Vega”
Editorial: Instituto Nacional de Musicología “Carlos Vega”, Bs. As. (Argentina)
Data: 1.999

Juanjo Fernández Lugo, 25/3/03

(actualizado 9/7/05)

Ir arriba


Xipro realizado por Herminio Villaverde
nos anos 50


Manuel Rodríguez, artesán. 2.003


Xipro realizado por Manuel Rodríguez


Outro modelo de Manuel Rodríguez


O deus Pan tocando o xipro.
Pintura de A. Böklin (1.827-1.901)


Urna de bronce, século V a. de XC.


Relieve román, data imprecisa


Pintura hindú, século XV


Capitel románico francés. Século XII


Il gabinetto armonico.
Philippo Bonanni, 1.722


Eliseo Rodríguez, afiador. 2.003


Gaita de amolador
, Portugal

          

                  1 Brasil
                  2 País vasco
                  3 Perú
                  4 Rumanía


Xipro de Roberto López


José Mª Rodríguez. Faramontaos, 1.952